Friday 22 de November de 2024

O Universo Feminino de Carmen Prado recala en Fene


A Casa da Cultura de Fene acolle este sábado, 2 de abril, a inauguración da exposición Universo Feminino, da pintora luguesa Carmen Prado. O acto, previsto para as doce do mediodía, contará coa presenza da artista, do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e do concelleiro de Cultura, Justo Ardá. A mostra de Carmen Prado poderá visitarse en Fene dende este sábado até o vindeiro 29 de abril, de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas. Durante a Semana Santa o horario será: o luns 11, o martes 12, o mércores 13 e o luns 18 de abril, de 10.00 a 14.15 horas. De Xoves Santo a Domingo de Pascua, a instalación permanecerá pechada.

Coma o seu nome indica, Universo Feminino é unha “mostra de figuras femininas cheas de cor, de historias por contar e de aventuras por vivir”. Trátase dunha colección de pinturas acrílicas que a artista define como “a continuación de Mademoiselles e outros personaxes -a súa anterior exposición- que comezou a súa andaina alá polo ano 2015. A maioría daquelas mademoiselles foron quedando por onde lles foi petando pero a aquelas sumáronse outras con tanta ou mis forza. Velaí están”.

Carmen Prado (Lugo, 1963). Logo de case dúas décadas adicada ao debuxo anatómico e científico en revistas e libros especializados, en 2013 realizou a súa primeira exposición pictórica. Dende entón, chegou a ter ata tres mostras simultáneas, algunha de ata seis meses de duración. Nestes anos, ademais, a súa obra foi espallándose até amosarse hoxendía por todo o mundo (Inglaterra, Irlanda, Dinamarca, Francia, Portugal, Andorra, Marruecos, Houston (EEUU) e tamén en boa parte da nosa xeografía.

Carmen “é unha pintora anárquica e autodidacta. O debuxo inicial é o que lle sae no momento porque non ten paciencia para facer bocetos. Sen embargo, cando comeza un lenzo, é capaz de pasar horas e horas traballando nun pequeno anaco do mesmo. De feito, chama a atención o traballados que están os seus cadros e, amais do feito de que pinta mulleres, salienta o uso da cor”.