Saturday 16 de November de 2024

O BNG organiza en Arzúa un encontro co sector agrogandeiro


O acto terá lugar o venres, 1 de abril, ás 12 horas no Local Social de Pantiñobre

O Deputado do BNG no Parlamento galego, Mini Rivas, presentará neste encontro as propostas do BNG ante a situación de suba de prezos que está afectando gravemente ao sector

O BNG celebrará un encontro aberto co sector agrogandeiro de Arzúa o vindeiro venres, 1 de abril, ás 12 horas no Local Social de Pantiñobre. Este acto contará coa participación de Mini Rivas, Deputado do BNG no Parlamento galego, e de Xoán Xesús Carril, Portavoz Municipal do BNG en Arzúa.

Desde o BNG “convidamos a todo o sector agrogandeiro de Arzúa a asistir a este encontro aberto onde queremos pór en común as propostas que o BNG ten para o sector, que está sendo gravemente afectado pola crise propiciada pola situación de imparábel suba de prezos que estamos a vivir. Un sector que xa viña arrastrando serias dificultades derivadas, por exemplo, do pagamento do leite por debaixo dos custes de produción” explicou Mini Rivas.

“Convidamos a todas as gandeiras e gandeiros de Arzúa a participar deste encontro, tamén para escoitalos” explicou Carril, portavoz municipal do BNG. Así mesmo, Carril fixo un chamado “a todas as veciñas e veciños de Arzúa a mobilizarse asistindo á manifestación contra a suba de prezos que o BNG ten convocada para o vindeiro 3 de abril en Compostela, con saída ás 12 horas da Praza 8 de marzo” sinalou, “a sociedade ten que mobilizarse, non podemos dar por boa esta grave situación que está afectando gravemente e levando á pobreza a milleiros de galegas e galegos. O domingo 3 de abril temos unha boa oportunidade participando co BNG nesta manifestación para dicir alto e claro que non pode ser o pobo galego quen pague unha vez máis esta nova crise” concluíu.