Friday 22 de November de 2024

A Xunta concede 9.000 euros ao concello de Oleiros para conservar o Piñeiro do Castelo de Santa Cruz e o Ombú do Centro Cultural


— Trátase de dúas árbores que forman parte dos elementos incluídos no Catálogo de árbores senlleiras

— O ombú destaca pola súa arquitectura, xa que se asenta sobre unha plataforma basal de 15 metros de perímetro; mentres que o piñeiro é un dos de maiores dimensións, e seguramente de idade, de todos os coñecidos en Galicia

A Xunta concede unha axuda de 9.000 euros ao Concello de Oleiros para conservar e manter o piñeiro do Castelo de Santa Cruz e o ombú do centro cultural, uns exemplares que están incluídos no Catálogo de árbores senlleiras.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución da convocatoria de subvencións para apoiar as actuacións de mellora , protección e conservación, así como de divulgación, dos elementos incluídos neste inventario galego de elementos singulares, dirixidas ás entidades locais, así como aos propietarios ou entidades sen personalidade xurídica.

A axuda concedida ao Concello de Oleiros ascende a 4.500 euros por cada árbore, cos que poderá sufragar actuacións de mantemento e conservación, como a realización de podas ou control da copa, e a aplicación de tratamentos fitosanitarios; así como accións de divulgación e sinalización e a realización de estudos. Non obstante, os traballos deberán estar executados antes do 30 de setembro.

Ombú
O máis curioso desta especie é a base do tronco, de casca gris, que se expande sobre o solo formando unha plataforma de grandes dimensións. Esta árbore da especie Phytolacca dioica L é nativa de Ecuador, Brasil, Arxentina, Paraguai e Uruguai e introducido noutros países. Cultívase como árbore ornamental en parques e xardíns galegos, pero non é moi común.

En Santa Cruz, no centro cultural, atópase unha das árbores máis espectaculares da xeografía galega. Non é a árbore máis alta do catálogo, nin a máis vella, nin a de tronco de maior grosor, pero é unha das máis estrañas en canto á arquitectura. Aséntase sobre unha plataforma basal de 15 metros de perímetro aproximadamente, da que brotan innumerables ramas verticais, sendo seis as de maiores dimensións. A suma de todas estas ramas crea unha copa moi ampla, de forma globosa e aplanada na súa cima.

Atópase protexido por un valo metálico que impide achegarse ao monumento vexetal, seguramente foi necesaria a súa instalación para manter a integridade das súas ramas, de moi apetecible escalada polos máis pequenos, pero de madeira moi branda e crebadiza.

Piñeiro do Castelo
O piñeiro insigne do castelo de Santa Cruz é un dos maiores dimensións, e seguramente de idade, de todos os coñecidos en Galicia; a pesar de non dispor de ningún documento que certifique a súa idade, pero estímase que ten entre 100 e 200 anos de vida.

Ocupa unha posición privilexiada dentro do Castelo, subido nun parterre de baixa altura e rodeado dun valado de madeira, e protexido dos ventos oceánicos polas outras árbores do recinto.

Grazas ao seu porte é visible desde gran parte da contorna de Santa Cruz. Aséntase sobre un tronco de grandes dimensións, robusto e cilíndrico, cun perímetro que se mantén sen apenas diminuír entre a base e a cruz, formada a catro metros e medio do chan por grandes ramas que se distribúen radialmente para formar a copa, globosa e de gran amplitude.

Elementos no Catálogo de senlleiras
O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables.

Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 182 elementos —144 exemplares e 38 formacións arbóreas— pertencentes a 79 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:

PROVINCIA ÁRBORES FORMACIÓNS TOTAL
A Coruña 42 12 54
Lugo 34 6 39
Ourense 20 6 26
Pontevedra 48 14 62
Total 144 38 182