Friday 22 de November de 2024

‘Fargo’, dos irmáns Coen, inaugura no Teatro Colón o novo ciclo de cinema Colón Noir, que se estenderá ata comezos de xuño


As proxeccións irán acompañadas de coloquios con autores/as de recoñecido prestixio na escena literaria galega, como Nieves Abarca, Diego Ameixeiras e Domingo Villar

O Teatro Colón abre as súas portas este xoves 31 a un novo ciclo de cinema de crime e suspense, o Colón Noir, unha proposta que conectará a sétima arte coa literatura galega grazas a unha serie de coloquios posteriores ás proxeccións, nos que autoras e autores do xénero negro como Nieves Abarca, Diego Ameixeiras e Domingo Villar interaccionarán co público.

‘Fargo’ (1996), dos irmáns Coen, inaugura este xoves (20.00 horas) o Colón Noir nunha sesión de inspiración clásica, xa que a proxección será en 35 mm e en versión orixinal subtitulada. O argumento da longametraxe, gañadora de dous premios Óscar e considerada por moitos críticos de cine como unha película de culto, xira en torno a un home de carácter temeroso, casado coa filla dun millonario que lle impide desfrutar da súa fortuna. Decide, entón, contratar a dous delincuentes que executen o secuestro da súa muller coa idea de que o diñeiro do rescate lle permita impulsar un negocio propio. Porén, ao secuestro súmanse tres asasinatos, o que leva á policía a intervir.

Frances McDormand, William H. Macy e Steve Buscemi son tres dos protagonistas de ‘Fargo’, que é, en palabras de Javier Trigales, coordinador da programación do ciclo Colón Noir, “unha auténtica obra mestra”. “Contaremos, ademais, coa visita de Nieves Abarca, unha das mellores escritoras de novela negra en Galicia, que estará aquí para falarnos da súa obra, a súa última novela, “Voraces”, e de todos os segredos que garda esta marabillosa peza dos Coen que é ‘Fargo’.

As entradas para asistir ás tres sesións previstas no Teatro Colón xa están á venda na páxina web de Ataquilla.com, cun prezo de 3 euros para o público xeral.

Despois dos Coen, e xa en abril, chegarán Jack Nicholson e Jessica Lange Tras ‘Fargo’, e xa o día 21 de abril (20.00 horas), será o momento dun clásico protagonizado por Jack Nicholson e Jessica Lange, ‘The postman always rings twice’ (1981), con Diego Ameixeiras como participante no coloquio posterior. Por último, e xa o día 9 de xuño (20.00 horas), o ciclo pecharase con ‘Plein soleil’ (1960), de René Clément.
Domingo Villar será o escritor convidado para o remate das xornadas de cinema.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión deste xoves, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a COVID-19, será obrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa COVID-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da COVID-19.