A maqueta, propiedade da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, foi creada no ano 1992, e forma parte dun conxunto xunto con outras dos maquetas instaladas na actualidade no Parque Mini-Europa de Bruxelas e na sede do Xacobeo
Turismo de Galicia instalou no Aeroporto de Santiago de Compostela unha maqueta da Catedral de Santiago para o deleite de todos aqueles viaxeiros que cheguen en avión á capital de Galicia.
A maqueta, propiedade da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, foi creada no ano 1992, e forma parte dun conxunto de tres.
A primeira delas foi destinada ao Parque Mini-Europa de Bruxelas, onde continúa hoxe en día; a segunda construíuse para o Pavillón de Galicia na Exposición Universal de Sevilla de 1992 e na actualidade encóntrase na sede do Xacobeo.
Pola súa parte, a terceira maqueta foi pensada para a súa itinerancia como o obxecto máis destacado e apreciado dentro dun amplo e ambicioso proxecto de promoción do Camiño de Santiago. Unha vez rematado o dito proxecto e despois de terse exposto en Bos Aires, Porto, Lisboa, Roma, Bruxelas, Toulouse, Burdeos e México, quedou instalada, no ano 2001, na nave central da igrexa do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, onde permaneceu ata o seu traslado ao Museo das Peregrinacións de Santiago.
Agora esta espectacular maqueta estará exposta no Aeroporto de Santiago, polo menos durante os dous próximos anos –período que pode ser prorrogado-.
A maqueta, realizada en escala 1:25 cunhas medidas de 325x500x400 centímetros, está elaborada por resina de poliéster colado para as partes con máis detalle –ornamentación, esculturas, remates e balaustradas-, resina de poliéster con fibra de vidro para os elemento estruturais, como as cubertas, e espumados de poliuretano con reforzos de madeira e tubos de ferro para as estruturas internas.