Friday 22 de November de 2024

Trenor anuncia a licitación do equipamento para a nova área de endoscopias do Hospital do Barbanza cun investimento de máis de 428.000€


― O delegado da Xunta e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza visitaron o hospital para supervisar o avance nas obras da nova unidade de endoscopias

― A posta en marcha desta nova unidade contará cun orzamento global 700.000 para obra e tecnoloxía

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza, Eloína Núñez, acompañados polo director do Distrito Sanitario da Barbanza, Salvador Mariño, visitaron hoxe o hospital público do Barbanza para anunciar a licitación do novo equipamento para a área de endoscopia dixestiva, esta adquisición conta cun orzamento de mais 428.000 euros e un prazo de entrega, desde a sinatura do contrato, de 30 días.

Gran parte do contrato é susceptible de financiación ao 100% da Unión Europea no marco do eixo React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Os 3 lotes licitados inclúen un sistema de endoscopia dixestiva, un bisturí eléctrico dixestivo e monitores de parámetros fisiolóxicos básicos.

O lote integrado polo Sistema de Endoscopia dixestiva está conformado por unha torre de endoscopia dixestiva e os equipos de reprocesamento consistentes en 2 lavadoras que teñen como fin a desinfección dos endoscopios e tamén conta cun armario de secado e almacenamento esterilizado dos endoscopios unha vez desinfectados na lavadora.

Esta contratación responde á necesidade de mellorar a cobertura sanitaria á poboación da área do Barbanza actualizando o equipamento e os servizos e polo tanto a calidade asistencial que se presta neste hospital de referencia da zona.

Trenor destacou que as obras nos espazos que acollerán a nova unidade de endoscopias do centro están en execución e coa licitación do equipamento que vimos de anunciar dase un paso mais para que tan pronto como rematen as obras esta unidade esté lista para a súa posta en funcionamento.

O investimento en tecnoloxía vense sumar ao custe das obras, de arredor de 200.000 euros que proporcionará unha mellora na calidade e confortabilidade desa área, así como a modernización dos procesos de asepsia e mellores condicións tamén para os profesionais. Os preto 130 metros cadrados que pasará a ocupar suporán un considerable incremento respecto á ubicación actual.

Esta melloras véñense sumar ás recentes obras acometidas no servizo de urxencias do hospital barbanza que supuxeron un incremento dun 40 % da súa superficie grazas a un investimento de 1.7 millóns de euros.

Aposta polos hospitais comarcais
O delegado da Xunta subliñou que este tipo de actuacións son una exemplo da aposta do goberno galego polos hospitais comarcais, xa que desenvolve nestes intres procesos de mellora nos sete centros. Este compromiso vense sumar ao investimento xa realizado desde 2009 por valor de máis de 32 millóns de euros. Así, destacou, “os datos do Instituto de Estudos do Territorio amosan que o 85% da poboación galega atópase a menos de 30 minutos do seu hospital de referencia”.

Obras de ampliación
Trenor referiuse tamén as obras de ampliación da hospitalización prevista no Plan Funcional aprobado pola xerencia da área sanitaria que suporá un aumento dun 40% das camas do hospital barbanzá, pasando de 81 a 117, o que posibilitará que se reduzan as derivacións de doentes a Santiago. Segundo subliñou o responsable da delegación da Xunta “nestes momentos estase a preparar o pliego de licitación da redacción do proxecto”.

Esta obra inclúe a creación dunha nova unidade de hospitalización materno-infantil con 12 habitacións individuais e outra unidade de 24 habitacións individuais para doentes atendidos polo servizo de Medicina Interna, cunha área específica para coidados paliativos. Xunto a estas novas habitacións a área de hospitalización dotarase dos espazos de apoio necesarios, como control de enfermería, salas de estar para doentes e familiares, almacéns e áreas de traballo para profesionais, entre outras.