Saturday 16 de November de 2024

O 50 aniversario da Casa de Rosalía chega á Pobra mediante unha exposición


A historia da casa da Matanza chega á Pobra do Caramiñal cun formato de exposición itinerante baixo o nome A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía, comisariada por Pepe Barro, e que permanecerá na praza do Emigrante ata o día 5 de abril. Coa dita iniciativa búscase pór en valor a recuperación e musealización do inmoble en pleno franquismo ao tempo que se fai un repaso pola súa historia dende que abriu ao público no 15 de xullo de 1971.

O concelleiro da Normalización Lingüística, Xabier Santos (BNG); a deputada provincial da Normalización Lingüística, María Muíño; e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foron as persoas encargadas de efectua-la inauguración nun acto que contou coa asistencia de membros da corporación municipal e alumnado de 6° da primaria do CEP Salustiano Rey Eiras para, posteriormente, desfrutar dunha visita guiada teatralizada para a cal se contou coa actriz Tero Rodríguez, metida na pel de Rosalía de Castro.

A mostra atópase estruturada en seis capítulos: A Casa e o tren; Rosalía na Casa; Unha Casa para Ela; A causa da Casa; O Padroado da Casa e Toda Galicia con Ela. Ofrécese así un repaso pola vida da intelectual galega nesta edificación e todo o que supón a Casa-Museo. De feito, no último dos capítulos afóndase na participación de numerosas persoas e entidades para converter en todo un símbolo o lugar onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida, entre eles, A Pobra do Caramiñal que, no 1975, fixo unha achega económica de 5.000 pesetas.