Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca o seu interese por consolidar a “especial relación de irmandade” entre Galicia e Cuba


O vicepresidente, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuníronse cos presidentes das sociedades galegas na Habana

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron un encontro cos presidentes das sociedades galegas na Habana, en Cuba, onde se atoparon de viaxe institucional.

Na reunión, que tivo lugar no Centro Galego da capital cubana, Rueda destacou o interese da Xunta por consolidar “a especial relación de irmandade entre Galicia e Cuba”; e agradeceu á Federación de Sociedades Galegas de Cuba e ao seu presidente, Sergio Toledo, “os esforzos constantes e o traballo cotián para poder dar forma ás accións que o Executivo autonómico desenvolve a favor dos galegos residentes en Cuba”. Neste sentido, o vicepresidente destacou o compromiso da Xunta de Galicia para atender as necesidades dos galegos residentes na illa caribeña.

‘La Huella de España’
Alfonso Rueda e Antonio Rodríguez Miranda tamén participaron na inauguración da XXVI edición do festival `La Huella de España´, que este ano esta dedicado a Galicia, xesto que Rueda agradeu enormemente ao Ministerio de Cultura de Cuba e á Embaixada de España, xa que é unha mostra máis “da irmandade permanente entre os pobo cubano e galego”.

O número dous da Xunta incidiu no importante papel dos galegos no exterior e indicou que para Galicia, Cuba foi unha constante no desenvolvemento da súa identidade contemporánea como pobo, e Cuba, como sociedade, non pode ser entendida sen a achega da presenza galega na illa, xa que foron moitos os galegos que traballaron en Cuba e compartiron parte da historia cubana.

O festival está dirixido pola bailarina e coreógrafa cubana Alicia Alonso, directora do Ballet Nacional de Cuba e durante una semana ofrecerá actividades como concertos, exposicións, eventos gastronómicos, xornadas formativas e conferencias. Ademais, contará coa presenza de invitados galegos como o cantautor Andrés Suárez ou a gaiteira Cristina Pato.

Ademais deste evento, os representantes da Xunta participaron na clausura do curso formación a mozos galegos “Voluntariado e Traballo social, atención sociosanitaria a persoas dependentes”, impartido por persoal da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Lugo (AFALU), onde Rueda destacou a especial importancia que ten para a Xunta as axudas á dependencia e o apoio aos familiares e ao entorno máis preto con cursos coma o que onte se clausurou na capital cubana.

Exposición Luis Gabú
O último dos eventos no que participaron esta xornada foi a inauguración da exposición “Arte e Ritual na Catedral de Santiago”, no Museo Nacional de Belas Artes da Habana, na que o o fotógrafo coruñés Luis Gabú expón 20 fotos dun dos elementos máis universais da nosa comunidade, o Xacobeo e as peregrinacións a Compostela.

Segundo explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a exposición amosa os innumerables lazos culturais que nos últimos dous séculos uniron a Cuba e Galicia, así como a universalidade do Camiño e sobre todo do seu punto final: a Catedral de Santiago.