O delegado da Xunta na Coruña anuncioulle ao alcalde de Frades que o proxecto sairá mañá martes a información pública
O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, visitaron esta mañá o tramo da estrada autonómica AC-524 Ordes-Lanzá no que a Axencia Galega de Infraestrutura construirá unha senda peonil e ciclista de 770 metros de longo por 2,5 metros de ancho que conectará o núcleo rural de Pibideiro coa senda da travesía de Abellá. Unha actuación orzamentada en 241.008 euros e que ten un prazo máximo de execución de catro meses.
Gonzalo Trenor explicou que con este tipo de actuacións, a Xunta de Galicia busca “fomentar a mobilidade sostible a través da substitución dos vehículos de motor por outros medios alternativos menos contaminantes. Neste caso, falamos dunha mellora da seguridade viaria que fará que moitos veciños e veciñas deixen o coche na casa e transiten de forma segura por esta nova senda e pola xa existente en Abellá”.
Pola súa banda, o alcalde de Frades agradeceu a celeridade da Xunta de Galicia á hora de acometer esta importante mellora da seguridade viaria no municipio. Así mesmo, Rey Martínez indicou que “se trata dunha primeira fase, pois dende o Concello temos a intención de conectar o núcleo da Pibideira co do Peñasco nunha segunda fase que acometeremos nos próximos anos”.
Mellora da seguridade viaria
A senda terá unha lonxitude de 770 metros, entre os puntos quilométricos 7+820 e 8+590 da marxe esquerda da estrada AC-524. Trátase dunha actuación que permitirá conectar o núcleo rural de Pibideira cos núcleos de O Pazo e Sobre dos Pazos, chegando ata a senda xa existente na travesía de Abellá. De feito, ademais de mellorar as condicións de seguridade viaria neste tramo coñecido popularmente como “a costa de Abellá”, favorecerase tamén o acceso dos veciños e veciñas a puntos importantes como son: o cemiterio de Abellá, a Igrexa, a panadería, o supermercado, o campo de fútbol ou o local social, entre outros puntos de interese.
A senda terá un ancho de 2,5 metros en formigón de cor terrizo, con beiravías de 1,2 metros. Ademais das obras de pavimentación, o proxecto contempla a execución dun sistema de drenaxe de augas pluviais e a instalación de mobiliario urbano: catro bancos de madeira de piñeiro e outras catro papeleiras de listóns de madeira e estrutura interior metálica.
As obras terán unha duración máxima de catro meses e durante a súa execución non será preciso desviar o tráfico da zona, xa que os traballos terán lugar por medias calzadas, mantendo sempre o tráfico aberto por un dos carrís. Un aspecto moi importante, xa que a AC-524 é unha das estradas con maior tráfico de vehículos do municipio, cunha media de 2.494 vehículos por día, un 12% deles vehículos pesados procedentes de municipios veciños como Ordes ou Cerceda.
O proxecto inclúe a reposición da sinalización vertical existentes e o repintado das marcas viarias do novo tramo. Non se proxecta zona axardinada debido a que se trata dunha zona rústica, con abundante vexetación na contorna da propia estrada.