Saturday 16 de November de 2024

O Ágora celebra os Días Europeos da Artesanía con nove obradoiros gratuítos impartidos por profesionais galegos do sector


Os talleres impartiranse esta fin de semana do 2 e 3 de abril, e abranguen oficios como a olería, a xoiería e a cestaría. Ademais, haberá obradoiros pensados para as e os máis pequenos

A vindeira fin de semana (2 e 3 de abril), o centro sociocultural Ágora abrirá as súas portas aos Días Europeos da Artesanía, unha actividade que se leva a cabo de forma simultánea en 18 países e que procura achegar ao público os segredos do traballo dos oficios artesáns, contribuíndo así a difundir a súa riqueza e singularidade.

No Ágora están previstos un total de nove obradoiros, todos eles gratuítos, impartidos por profesionais da artesanía galega baixo dous formatos: haberá talleres de demostración dos oficios da olería, a talla de vidro e téxtil; e, por outra banda, obradoiros de participación de manipulado de papel, téxtil, xoiería, cestaría e marroquinaría.

Serán, en todo caso, obradoiros cun número de participantes limitado e baixo inscripción previa a través da Asociación Galega de Artesáns. Haberá, ademais, listaxes de agarda por se fose preciso cubrir prazas vacantes.

As sesións levaranse a cabo entre as aulas 5 e 9 do centro sociocultural Ágora, con dúas actividades por aula, entre o sábado 2 (en horario de 11.00 a 14.00; e de 16.30 a 20.30 horas) e o domingo 3 (de 11.00 a 14.00 horas).

Ademais, habilitarase un espazo para a exposición e venda de pezas de artesanía doadas polos socios da Asociación Galega de Artesáns cuxa recadación destinarase, na súa totalidade, a entidades de axuda á poboación de Ucraína ou ás persoas refuxiadas acollidas en Galicia.

Obradoiros para todos os públicos
Nos Días Europeos da Artesanía que se levarán a cabo no Ágora terán presenza firmas e talleres da cidade, así como profesionais procedentes de concellos da provincia como Bergondo, Cambre, Carballo, Rianxo, e tamén da de Pontevedra (Mos, O Porriño, Pontecaldelas, Vigo).

As persoas participantes poderán, por exemplo, coñecer as ferramentas e técnicas básicas da olería tradicional, aprender o proceso elaboración de cestas con vimbios e tamén como se leva a cabo o esmaltado dun colgante. Haberá espazo, tamén, para as e os máis pequenos: aproveitando que o 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, desenvolverase un obradoiro colaborativo no que se realizarán pequenos bonecos de cartón-pedra e pasta de papel.

Pódese consultar a listaxe completa dos obradoiros a través desta ligazón, na que tamén se pode levar a cabo o proceso de inscrición nos sete talleres previstos