As usuarias poden elixir entre dous grupos, un de mañá e oturo de tarde
O Concello de Cabanas vén de iniciar unha nova edición do Programa de Envellecemento Activo, que ten por obxectivo crear un espazo de convivencia ao tempo que se traballan aspectos como a motricidade, a memoria ou a autoestima, entre outros.
Desde a área de servizos sociais, encargada de xestionar este programa, tamén se está a crear material en formato de caderno para que as persoas poidan levar para as súas casas. Dito caderno está dividido en tres seccións:
Ximnasia para a cabeza: labirintos, sudokus, exercicios de memoria, adiviñas…
As contas claras. Actividades relacionadas co control moneterio, sumas e outros problemas matemáticos.
Galicia e Cabanas. Nela atópanse exercicios relacionados con refráns, e tamén se atopan historias e lendas de Cabanas e arredores.
“O programa de Envellecemento Activo ten entre os seus obxectivos promover o benestar persoal e social das persoais maiores e fomentar a súa participación para evitar o illamento social”, sinalou a concelleira da área de servizos sociais, Diana Rodríguez, quen tamén valorou os beneficios do mesmo para previr situacións de risco social e rachar cos estereotipos que rodean este colectivo.
As actividades de Envellecemento Activo teñen lugar todos os martes no Local Social das Viñas entre as 11 e as 12.30h, coa posibilidade de empregar un servizo de autobús para chegar até o local desde os diferentes núcleos do termo municipal. Ademais, tamén hai outro grupo os venres en horario de 17 a 18.30h no Local Social de Laraxe.
Aínda que o Programa xa deu comezo, as mulleres e homes maiores de 65 anos interesadas en incorporarse ao mesmo (ou en deixar os seus datos de contacto para futuras edicións), poden dirixirse á área de servizos sociais, a través do correo electrónico servizos.sociais@cabanas.gal ou chamando ao 981 495 959 (ext. 6).