Hoxe celebrouse na Casa da Cultura o acto central con motivo do #8M. Unha cita na que se escoitous á frautista Eirka González, na asistimos á proxección do documental “Nación”, de Margarita Ledo (seguido dun pequeno coloquio coa produtora Olaia Ledo) e na que se presentou a campaña de chaveiros solidarios promovida pola área de Igualdade en colaboración coas Lolas da Cascarilla, cuxa venda se destinará integramente a colaborar cunha entidade centrada en axudar ás fillas e fillos orfos de vítimas da violencia machista. Estarán dispoñibles desde mañá ao prezo simbólico de 3€ en varios establecementos do municipio.
Porén, este domingo foi tamén o dunha despedida, xa que Ana Belén Breixo Gundín, concelleira de Igualdade desde hai case once anos, anunciou publicamente a renuncia ao seu cargo “para tomar un respiro” e para centrarse no seu labor á fronte da libraría Brétema.
A concelleira, moi emocionada, agradeceu o apoio recibido nos últimos anos tanto por parte do Concello como da xente de San Sadurniño “que me fixo sentirme moi querida”.
Secundino García tamén lle recoñeceu a Ana Belén o seu labor desde 2011, ano no que accedeu ao Concello por primeira vez, cualificándoa como “unha persoa entregada, das que non se atopan todos os días, coa que foi unha honra traballar”.
A aínda concelleira rexistrará mañá luns a súa renuncia, da que se lle dará conta ao Pleno na sesión ordinaria deste xoves.