Saturday 16 de November de 2024

Touro foi hoxe, Día Mundial do Teatro, a capital galega do teatro escolar co seu XIII Fetival de Teatro Escolar, no que participaron 100 actores e actrices


Touro foi hoxe, Día Mundial do Teatro, a capital galega do teatro escolar co seu XIII Festival Galego de Teatro Escolar de Touro, que se celebrou na Área Recreativa A Santaia e na Casa da Cultura. O festival, que xuntou a cen actores e actrices de catro aulas de teatro de diferentes puntos xeográficos de Galicia (Touro, Compostela, Palas de Rei e Teo) comenzou ás 16.00 horas cun roteiro teatral, musical e poético na Área Recreativa A Santaia. Estivo protagonizado por alumnado e profesorado do CPI de Touro, polas asociacións As nenas do sapo dourado, A Pinguela de Bama e nais dos actores e actrices. O roteiro, nunha tarde asollada, xuntou a numeroso público e combinou música, teatro, poesía e xogos. O obxetivo do roteiro teatral, ideado polo director da Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz, Afonso García Penas, foi achegar diferentes xéneros teatrais á poboación, a interrelación entre persoas de diferentes idades e localidades, a aproximación do alumnado ao mundo rural e a súa posta en valor, a transmisión do tecido cultural das xeracións que nos precederon.

Xa ás 18:00 horas, na Casa de Cultura de Touro, a Aula de Teatro do CPI Fonte Díaz de Teatro, O Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, A Aula de Teatro do IES de Cacheiras, de Teo e A Aula de Teatro do IES Antonio Fraguas Fraguas puxeron en escea o espectáculo Reviracontos, un espectáculo de creación colectiva que se vertebra sobre un concepto da educación como ferramenta imprescindible na realización plena do ser humano. As actrices e actores destas compañías amosaronn a través das súas escenas a posta en práctica de valores fundamentais como a paz, o respecto ao medio-ambiente, a tolerancia, a solidariedade o a integración.

Como preludio a este espectáculo actuou a Banda de Música Isabel II de Touro na Casa de Cultura. Este Festival permitiu que o alumnado das catro Aulas de teatro interactúase e amosase o traballo realizado durante o Curso teatral que se desenvolve ao longo do curso académico 2021/22 nas catro localidades; ademais de integrar a persoas con diferentes capacidades, de intercambiar experiencias e traballar conxuntamente nun obxectivo común: a posta en escena dunha obra teatral. Insírese dentro dunha xira de funcións que comezou o día 9 de febreiro no Teatro Principal de Ourense e continuará en Palas de Rei, Compostela, Cacheiras, Langreo, Sestao e Zaragoza.