O martes 29 de marzo o centro cultural acollerá unha feira de ideas, charlas, e os XIV Premios ‘Formación para emprender’
O Concello da Coruña organiza para este martes 29 de marzo Inicia, un programa de difusión da cultura do emprendemento que se leva a cabo desde hai 14 anos nos centros educativos da cidade con ciclos formativos. A xornada, que se celebrará no centro sociocultural Ágora, servirá tamén para premiar os traballos dos grupos participantes no curso 2021/2022.
O obxectivo deste proxecto organizado polo Concello é a difusión e implantación do espírito emprendedor entre o alumnado de ciclos formativos radicados na cidade. Ao longo do curso prepararon un proxecto coa súa idea de negocio e o martes 29 presentarana na feira de ideas. A xornada contará coa presenza de destacadas persoas con negocios de éxito que contarán a súa experiencia.
Durante a mañá, de 10.00 a 14.30 horas, terá lugar a feira de ideas na zona de entrada ao centro Ágora. Alí, o alumnado responsable dos 14 proxectos presentados nesta edición de Inicia, poderá expoñer as súas ideas de negocio con maquetas, folletos ou degustacións, explicándolles todos os detalles ás persoas interesadas.
De 17.00 a 18.30 horas no auditorio do Ágora terá lugar a Xornada Inicia, na que varias persoas emprendedoras transmitirán a súa experiencia. Trátase de Pablo Sánchez, de Guitar Maker, unha empresa de guitarras modificadas; Claudia Bernárdez e Esperanza Moreno, de Mala Herba Producións, do sector da comunicación e a creatividade; Rubén Ferreiro, de Talleres Pedro Lorenzo; e a artesá Elena Ferro, de Eferro. As charlas estarán moderadas por Fran Rei.
Ás 18.30 horas celebraranse os XIV Premios ‘Formación para emprender’, nos que se anunciarán os tres mellores proxectos deste ano. Repartiranse 300 euros para cada integrante do proxecto ganador, 200 euros para cada integrante do segundo clasificado e 150 euros para cada integrante do terceiro mellor proxecto. Ademais, tamén levarán premios o profesorado do proxecto gañador (300 euros) e o centro máis implicado (300 euros). En total, participarán nesta xornada cinco centros educativos (CPR Afundación, CIFP Imaxe e Son, CPR Nebrija, IES Rosalía Mera e CHIOS Formación) e 17 especialidades.