Saturday 16 de November de 2024

O Concello ofrece 420 prazas na súa rede de Escolas Infantís Municipais, gratuítas desde o curso pasado


O Goberno de Inés Rey foi pioneiro en Galicia na gratuidade das escolas, unha medida que beneficia a máis de 800 nenas e nenos

O prazo para solicitudes de novo ingreso estará aberto desde o luns ata o vindeiro venres 8 de abril

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, abrirá este luns 28 de marzo o proceso de admisión para novos ingresos na Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) na cidade de cara ao vindeiro curso 2022-23.

Por segundo ano consecutivo, as nais e pais dos pequenos que asisten ás escolas infantís municipais terán garantizada a gratuidade do servizo, unha medida posta en marcha durante o mandato de Inés Rey como parte do plan de axuda ás familias que impulsa o Goberno municipal e que beneficia a máis de 800 familias con fillos e fillas que asisten aos nove centros que integran a REIM.

Na actualidade, hai 420 prazas vacantes para pequenos e pequenas de ata tres anos de idade, repartidas entre a EIM A Caracola (Novo Mesoiro), EIM Agra do Orzán, EIM Arela (Elviña), EIM Carricanta (Castrillón), EIM Os Rosales, EIM Luis Seoane (Monte Alto), EIM de Monte Alto, EIM Os Cativos (Palavea) e a Escola Infantil Carmen Cervigón.

Por tramos de idade, a relación de prazas vacantes sería a seguinte: 124 en aulas de ata 1 ano de idade; 183 en aulas de 1 a 2 anos de idade; e 113 en aulas de 2 a 3 anos de idade.

Proceso de solicitude para novos ingresos na REIM
O proceso de admisión para novos ingresos estará aberto entre o vindeiro luns 28 e o venres 8 de abril, ámbolos dous días incluidos.

O procedemento establece dúas modalidades:
● Carácter preferente: Orientada ás solicitudes de prazas correspondentes a nenas e nenos empadroados no Concello da Coruña baixo circunstancias como, por exemplo, as consideradas de urxencia social, así como as solicitudes de nenas e nenos que conten cun irmán ou irmá escolarizado de cara ao curso 2022-23 nunha escola da REIM aos efectos de matricularse nela por primeira vez.

● Carácter ordinario: Orientada ás solicitudes de novo ingreso que non teñan carácter preferente, con requisitos como que a nena ou neno teña unha idade mínima de 3 meses o día de comezo do curso escolar e non ter cumpridos os 3 anos o día 31 de decembro de 2022. Será necesario, ademais, que o menor esté empadroado con algún dos proxenitores no municipio da Coruña.

O proceso para a presentación da documentación para formalizar a solicitude de praza de novo ingreso —pode consultarse no BOP e a través desta ligazón— abrangue os seguintes pasos: inscrición en liña na web municipal de Educación a través da ficha específica ‘Solicitude de praza na escola infantil 2022-2023; recepción do xustificante en PDF no correo electrónico do solicitante; presentación da documentación e o xustificante no Rexistro Xeral no prazo de presentación de solicitudes.