Friday 22 de November de 2024

A Coruña acollerá os días 2 e 3 de xuño o congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030, coa presenza das compañías máis influíntes do mundo


Inés Rey: “Este será o congreso do ano na Coruña e un dos máis importantes dos que se celebrarán en España”

Nesta edición, e por vez primeira, o congreso abrirase á cidadanía e ao empresariado local, fomentando dinámicas de interacción profesional

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou hoxe no Pazo Municipal de María Pita o congreso de innovación tecnolóxica Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022, que terá lugar os días 2 e 3 de xuño na cidade, co Palexco como epicentro das actividades deste foro internacional que, tal e como apuntou a rexedora, “será o congreso do ano na Coruña e un dos máis importantes que se celebrarán en España”.

Xa hai máis de 54 persoas relatoras confirmadas no congreso Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022. Entre elas, gobernantes como o ex primeiro ministro de Finlandia, así como altos executivos e directivos das compañías máis relevantes e influíntes do mundo: Google, Microsoft, IBM, Amazon, Mastercard, JP Morgan e Deloitte, entre outras.

Ademais, nesta edición e como novidade neste tipo de citas de carácter profesional, o congreso abrirase á cidadanía e ao empresariado local, facéndoos partícipes do evento e impulsando dinámicas de interacción. Desta forma, as coruñesas e coruñeses que o desexen poderán acceder o venres 3 de xuño, pola tarde, ás instalacións de Palexco.

Inés Rey apuntou que “Ecosystems 2030 cumpre un dobre obxectivo: por unha parte, achega valor engadido ao tecido empresarial local nun eido no que procuramos ser un referente, o da innovación tecnolóxica; e, por outra banda, este evento permitirá que millóns de persoas coñezan a riqueza turística deste recanto do noroeste de España”.

Coa celebración deste evento, o Goberno municipal avanza no plan para situar á cidade como un gran referente do turismo de congresos e negocios, unha das liñas estratéxicas presentadas por Inés Rey a mediados de xaneiro en FITUR. “Contamos coas infraestruturas adecuadas para selo, como o noso aeroporto de Alvedro, que este ano sumou novos enlaces internacionais como París ou Londres para complementar a súa amplia oferta de voos nacionais”, subliñou.

No acto de presentación do congreso Ecosystems 2030 A Coruña Summit 2022 participaron, ademais da alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá; Moisés Naranjo, xerente do consorcio de Turismo da Coruña; Omar Hatamleh, exdirector de Innovación da NASA, e presidente executivo do congreso Ecosystems 2030; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña (UDC), e Rafael Sánchez, director financiero de Trison Europe.