O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou nesta xornada A Pobra do Caramiñal para comprobar in situ o estado do edificio de usos náuticos que alberga a actividade do Club Remo Puebla e anunciar o proxecto de mellora e ampliación. Primeiramente foi recibido na casa consistorial xunto a deputada provincial, Sandra González, polos concelleiros e concelleiras que conforman a corporación municipal. No acto de benvida, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), agradeceron as achegas que realiza a entidade provincial ás administracións locais para a realización de diversas obras e o impulso de numeroso proxectos. Ademais, fixéronlle entrega dun obsequio consistente nunha dorna de cerámica e procedeuse coa sinatura no libro de honra do Concello.
Posteriormente, efectuouse o desprazamento ata o propio edificio de usos náuticos, onde foron recibidos polo presidente do club, Antonio do Carmo, e os remeiros e remeiras que compoñen esta entidade deportiva con forte arraigo na localidade. Alí deron a coñecer o proxecto de mellora e ampliación que se levará ao pleno provincial deste 25 de marzo. O investimento ascende aos 394.738’30 euros, IVE incluído, dos cales a Deputación aportará arredor de 300.000 euros e o resto será asumido polo Concello. Esta actuación suporá a dotación dun segundo ximnasio, dunha sala de usos múltiples e dun despacho para a directiva; maior capacidade de almacenamento do material; renovación dos vestiarios; e mellora da accesibilidade que inclúe, por exemplo, a instalación dun ascensor. Ademais, a fachada principal contará cunha ampla cristaleira que incremente a iluminación natural e a comunicación visual co exterior.
A folla de ruta proseguiu no Coworking que recentemente se incorporou á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo. Creado en 2017, o centro pobrense consta dunha área de 143’23 metros cadrados con capacidade para acoller 10 iniciativas emprendedoras: o espazo Emprende, con cabida para 8 módulos de traballo e destinado preferentemente a persoas emprendedoras que desexen crea-la súa propia empresa, e o espazo Nómades, con 2 módulos dirixidos a persoas usuarias externas que non permanezan de xeito continuado.
E, finalmente, achegáronse ata a Casa da Mocidade que se estrutura nunha ampla área multiúsos (con escenario, equipamento de son, pantalla, proxector e mobiliario), nunha sala de traballo (dotada de mesas, ordenadores portátiles e unha pantalla táctil), e en dous talleres que forman parte do FabLab.