A Pobra do Caramiñal conta con novos desfibriladores nos 8 espazos cardioprotexidos da localidade: sete fixos en instalacións deportivas e edificios públicos (pavillón da Tomada, polideportivo de Venecia, estadio da Alta, campo de fútbol de Cadreche, edificio de usos náuticos, casa consistorial e praza de abastos) e un móbil nun dos vehículos da Policía local. A selección dos espazos responde aos criterios de maior concorrencia e de realización de actividades que supoñen un esforzo físico.
O concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), explica que os dispositivos se colocaron en 2018 e que agora se renovan por outros dun nivel superior que incrementan a porcentaxe de supervivencia en caso de ser necesario o seu uso. O novo sistema inclúe unha mellora dos ciclos de reanimación cardiopulmonar, as indicacións dos pasos por seguir e o seu correcto proceder, a análise do estado da ou do paciente, a incorporación da función pediátrica e a conexión Wi-Fi para asegura-la operatividade en todo o momento. O edil tamén pon de manifesto que se traduce na mellora da oferta económica no alugueiro e mantemento dos disfibriladores a cargo de Proyecto Salvavidas, pois o investimento pasa dos 7 400 euros anuais aos 5 600 euros anuais, pero con maiores funcións.
Así mesmo, estase impartindo actualmente formación sobre o seu uso a persoal municipal, entidades deportivas e traballadores e traballadoras do mercado municipal para garanti-lo correcto uso dos aparellos e saber como actuar ante unha parada cardiorrespiratoria.