Desde hai varios anos, coincidindo co sábado de cambio ao horario de verán, a WWF promove desde 2007 en todo o mundo a chamada “Hora do Planeta” coa que pretende chamar a atención sobre a necesaria mudanza de hábitos e de políticas para frear o deterioramento do planeta e o cambio climático. Este ano a organización propón como xesto simbólico o reto de dárlle varias voltas ao mundo a base de sumar quilómetros, que cadaquén pode facer como prefira -correndo, en bici, nadando, andando ou patinando- para logo ir anotándoos no contador da súa web. Na iniciativa pode participarse individualmente ou en grupo e, ademais, tamén se volve abrir a posibilidade de que se sumen á “Hora do Planeta” colectivos, empresas e Administracións públicas. San Sadurniño é un dos máis de 400 concellos adheridos ata este momento. A acción que levará a cabo será o apagado da iluminación pública da zona urbana.
A convocatoria deste ano da “Hora do Planeta” ten moito que ver cos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 e volve pedir “unha maior ambición e unha acción urxente para deter e reverter a perda da natureza” antes do remate da década.
A WWF recorda que en escasas datas vai celebrarse en China a Conferencia da ONU sobre Biodiversidade (COP15) “para decidir sobre un novo plan de acción global para a natureza”. A este respecto, a fundación ambiental demanda “máis ambición e máis rapidez”, posto que, segundo indica o manifesto suscrito polo Concello de San Sadurniño, “o cambio climático e a perda de natureza combinados poñen en perigo a nosa calidade de vida e a das xeracións futuras”.
A acción simbólica que se lles propón aos consistorios e outros entes públicos é apagar iluminacións entre as 20:30 e as 21:30h deste sábado 26 de marzo, xusto antes da noite do cambio de hora. Na carta de adhesión enviada polo Concello á WWF sinálase o compromiso de apagar todos os farois da AC-862 desde o desvío da estrada de Pedroso até o remate da zona urbana do Outeiro, ademais da iluminación de Marqués de Figueroa e dos xardíns municipais. Na tarde deste mércores confirmaran a súa participación 424 municipios de todo o Estado, 22 deles galegos. Da nosa comarca aparecían marcados no mapa -que se actualizará de aquí ao sábado- só San Sadurniño e Moeche.
O que cambia neste 2022 é o xeito de promover a participación cidadá. Ademais de apagar luces e electrodomésticos durante ese mesmo horario, a WWF lanza a idea de moverse en apoio do planeta correndo, na bici, andando ou en patíns para logo rexistrar na súa web os quilómetros que se fixesen ou que cadaquén se comprometa a facer ata o sábado.
A intención da World Wildlife Fund (que significa Fondo Mundial para a Natureza) é dárlle o maior número posible de voltas ao mundo xuntando o compromiso de participantes individuais, clubes e persoal de empresas. No sitio da Internet pode seguirse en tempo real como vai a conta, que no momento de redactar esta nova ía polos 203.119 quilómetros, ou o que é o mesmo, cinco voltas á Terra.