A alcaldesa percorreu o complexo para coñecer de primeira man todos os proxectos abertos na planta como o poliducto de conexión co porto exterior
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou esta mañá as instalacións da refinaría de Repsol. Estivo acompañada pola directora do complexo industrial, Natalia Barreiro, e diferentes responsables do complexo. O obxectivo deste encontro foi coñecer de primeira man o funcionamento actual da refinaría e os proxectos abertos pola empresa en materia de transición enerxética.
Inés Rey constatou o traballo que leva a cabo Repsol para introducir na Coruña un modelo enerxético descarbonizado dentro da transformación industrial na que se atopa o complexo para cumprir co obxectivo da empresa de ser unha compañía cero emisións netas no 2050.
Durante a visita, foi informada dos traballos e investimentos que se están a realizar durante a actual parada programada de catro unidades da refinaría. Isto permitirá incrementar a produción de biocombustibles de baixa pegada de carbono.
Inés Rey apuntou durante a visita o compromiso do seu Goberno municipal coa sostibilidade e reducir o máximo posible as emisións de todas as instalacións situadas no termo municipal da Coruña. “A aposta polas enerxías sostibles non ten volta atrás e desde este Concello estamos plenamente comprometidos coa transición enerxética e a Axenda 2030, da que A Coruña é pioneira, entre as administración galegas, en participar nela”, sinalou a alcaldesa.
A alcaldesa, que coñeceu de primeira man o proxecto do traslado de cru a Punta Langosteira que inclúe o poliducto que conectará a planta co porto exterior, visitou tamén a nova unidade de obtención de propileno posta en funcionamento o ano pasado e a sala de control de Nostián, desde onde se controlan tecnolóxicamente todos os parámetros de operacións das unidades de Conversión do complexo industrial.