— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda considera que certos aspectos da futura norma poden invadir competencias autonómicas na materia e advirte tamén das posibles colisións coa lexislación marco galega de 2018
— Durante a última reunión do Comité consultivo para a protección animal, Belén do Campo animou a concellos, grupos ecoloxistas e protectoras a analizar o texto e participar no proceso de información pública, que estará aberto ata o 29 de marzo
A Xunta de Galicia está a ultimar as súas alegacións ao anteproxecto da Lei de protección, dereitos e benestar dos animais do Goberno central, actualmente en fase de audiencia e información pública co fin de que as institucións, entidades e persoas interesadas poidan pronunciarse ao respecto.
Durante a última reunión do Comité consultivo para a protección animal, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, confirmou a intención do Goberno galego de presentar as súas achegas e consideracións sobre a futura lei, que coa súa redacción actual considera que podería invadir competencias autonómicas en relación a esta materia e ademais, introduce e regula aspectos que poden entrar en colisión coa Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia.
De feito, aproveitando que neste órgano están representados a Federación galega de municipios e provincias, as entidades de carácter ambiental e ecoloxista, as protectoras e o Consello galego de veterinarios, entre outros, Do Campo convidounos a analizar o texto e participar tamén de forma activa no proceso de información pública, cuxo período para presentar alegacións estará aberto ata o vindeiro 29 de marzo.
Por outra banda, a directora xeral de Patrimonio Natural tamén aproveitou a reunión para informar de forma pormenorizada sobre as novas ordes de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia, que se poderán solicitar ata o vindeiro 16 de setembro.
Tras lembrar que ao igual que en 2021 a Consellería convocou este ano dúas liñas—unha dirixida ás entidades locais que xestionan centros de recollida e outra ás asociacións protectoras debidamente rexistradas—, Belén do Campo subliñou que, como novidade e no caso da liña destinada ás entidades de protección animal, entre os gastos subvencionables inclúense por primeira vez equipamentos electrónicos e mesmo software específico necesarios para xestionar este tipo de establecementos.
Tamén se amplían as contías destinadas a subvencionar campañas de concienciación sobre tenza responsable e adopción por parte das entidades galegas de protección animal —que pasan dos 1.500 euros do ano pasado aos 2.500 da convocatoria vixente—; así como as axudas para comprar material para a xestión e manexo dos exemplares, duplicando a contía anterior ata acadar os 5.000 euros.
O orzamento asignado no marco da actual convocatoria a ambas liñas de axudas ascende a 450.000 euros, a maior contía destinada a este fin desde a posta en marcha do programa, no ano 2017.