Friday 22 de November de 2024

A Banda Municipal de Música achégase a compositores como David Maslanka e Clifton Williams co galego Juan Lois Diéguez como director convidado


A agrupación actúa este xoves 24 no Teatro Colón baixo a batuta do director pontevedrés. A sesión, con entrada de balde ata completar capacidade, comezará ás 20.00 horas

A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) regresa este xoves ao Teatro Colón, e faino co pontevedrés Juan Lois Diéguez (Agolada, 1980), formado nos conservatorios de Lalín, Santiago de Compostela e Vigo, como o director convidado que levará a batuta no concerto desta semana, ‘Emocións’.

Diéguez comezou, sendo moi novo, a súa traxectoria en bandas municipais galegas. Con quince anos ingresou na da cidade de Lugo, estudando e formándose en trompeta e outras especialidades con mestres de grande prestixio. Na actualidade, compaxina o seu labor de profesor instrumentista na Banda Municipal de Música de Santiago coa de director titular da Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla, no concello da Vedra (A Coruña).

‘Emocións’ achegará á cidadanía un total de cinco pezas de compositores como Steven Verhelst, Claude T. Smith, David Maslanka, Clifton Williams e Masanori Taruya, interpretadas pola Banda Municipal de Música da Coruña nun concerto “cun programa cargado de sensibilidade que fará aflorar no público intensos sentimentos, a través de feitos históricos e vivencias de importantes compositores do mundo das bandas”, sinala Juan Lois Diéguez.

A sesión, que comezará este xoves 24 ás 20.00 horas, será de acceso libre, con entrada de balde ata completar a capacidade.

Ademais, xa hai data oficial para o vindeiro concerto da Banda Municipal de Música da Coruña no Teatro Colón. Será o domingo 10 de abril (12.30 horas), co alacantino Juan Miguel Romero Llopis como director convidado.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para os asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as personas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.