Ademais, a sala Fernando Rey acolle, entre xoves e sábado, a proxección de “The father”, un drama sobre a soidade interpretado por Anthony Hopkins e Olivia Colman
O Fórum Metropolitano despídese esta semana dos dous ciclos de cinema programados polo Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) durante este mes de marzo, ‘Retallos de muller’ e ‘Anaquiños de Cineuropa 2020’.
O primeiro deles, impulsado co gallo da celebración do 8-M, Día Internacional da Muller, péchase cunha comedia con protagonismo galego. “El cuarto de Mona”, dirixida por Darío Autrán e protagonizada por referentes da escena audiovisual da nosa terra como Sabela Hermida, Isabel Blanco e Manuel Manquiña, céntrase na figura de Mona, unha muller sen excesiva sorte que, aos seus corenta anos e véndose sen traballo, cartos e parella, está a piques de tomar unha decisión fatal. Porén, unha serie de chamadas de última hora, recordándolle que non queda moito para o seu aniversario, botan para atrás o seu obxectivo, abrindo paso entón a unha semana de vertixe con todo tipo de situacións disparatadas.
A longametraxe, de hora e cuarto de duración, está recomendada para maiores de 16 anos.
As sesións previstas no Fórum Metropolitano terán lugar entre o xoves 24 (20.00 horas), venres 25 (20.00 horas) e sábado 26 (17.30 e 20.00 horas).
Anthony Hopkins despide o ciclo ‘Anaquiños de Cineuropa 2020’ na Fernando Rey
Tamén entre xoves e sábado, a sala Fernando Rey abre as súas portas para a proxección de “The father” (2020), unha coprodución anglo-francesa dirixida por Florian Zeller e protagonizada por unha lenda do sétimo arte como Anthony Hopkins e a premiada actriz británica Olivia Colman, gañadora dun Óscar, un Premio BAFTA e un Globo de Ouro.
“The father” versa sobre as dificultades das persoas que viven en soidade e, máis en concreto, das persoas en idade avanzada. Hopkins interpreta a un home de 80 anos, decidido a pasar o resto da súa existencia en solitario. Será esta determinación o que poña a proba á súa filla, que asiste en primeira persoa ao paulatino deterioro da saúde do seu pai mentres procura unha fórmula para mudar a súa perspectiva, ao mesmo tempo que ela trata de seguir adiante coa súa vida.
“The father” é a derradeira das longametraxes do ciclo ‘Anaquiños de Cineuropa 2020’, que comezou a comezos de marzo. As proxeccións desta peza, recomendada para maiores de 7 anos, terán lugar o xoves 24 (20.00 horas), venres 25 (20.00 horas) e sábado 26 (17.30 e 20.00 horas).
As entradas para as últimas proxeccións dos dous ciclos, xa á venda
A compra de entradas para as sesións desta semana xa está dispoñible, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano os días de proxección, desde media hora antes do inicio das mesmas. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na praza de Ourense en horario de luns a venres (agás festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.
O prezo das entradas será de 3 euros para o público xeral e de 2 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.
Ademais, as sesións do espectador programadas para os sábados ás 17.30 horas teñen un prezo único de 1,50 euros.