Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña aproba un orzamento de 310 millóns de euros, o máis elevado da historia da cidade


Os votos a favor do goberno local e da Marea Atlántica no pleno extraordinario de hoxe permitirán que a cidade conte, ademais, con 50 millóns máis para investimento público en comparación co ano 2020

O Concello disporá de 27,5 millóns de euros para atender os Servizos Sociais, cun incremento global de máis do 12%

José Manuel Lage: “Son uns orzamentos xustos, porque pensan nunha boa distribución territorial, nos nosos barrios e nas necesidades dos coruñeses, pensando en reforzar os servizos públicos municipais”

O pleno municipal do Concello da Coruña, reunido esta mañá nunha sesión de carácter extraordinario, aprobou os Orzamentos Xerais para este ano 2022, os máis elevados da historia da cidade, froito do diálogo e do acordo entre o goberno local e o grupo municipal da Marea Atlántica, diálogo que quixo destacar o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage: “Este acordo será unha potente ferramenta para axudar á dinamización económica e ampliar o escudo social”.

Os votos a favor das dúas agrupacións na sesión plenaria de hoxe permitirán que o Concello dispoña de 310 millóns de euros de orzamento, 50 millóns máis en materia de investimento público que no ano 2020. Incluindo aos entes e empresas municipais, os recursos municipais soben ata 335.189.558 euros. Os orzamentos saíron adiante co voto a favor dos concelleiros do Goberno local e da Marea Atlántica, a abstención do BNG e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo, e o voto en contra do PP.

A subida con respecto aos últimos orzamentos alcanza o 19 %, o que evidencia o carácter expansivo das contas aprobadas este xoves, traballadas para adaptarse ás actuais circunstancias sociais e económicas. Os Orzamentos Xerais 2022 abranguen, ademais, partidas procedentes dos fondos europeos Next Generation (11 millóns de euros) e do IDAE (12 millóns de euros), acadados polo executivo de Inés Rey durante o vixente mandato.

“Nas actuais circunstancias, derivadas dunha pandemia primeiro e, agora, tamén dos efectos dunha guerra en Europa, é máis importante que nunca contribuír á dinamización económica e ampliar o escudo social que este Concello pode ofrecer. Este Goberno e a Marea Atlántica actuaron coa debida responsabilidade para dar unha resposta acaída á situación que estamos a vivir”, sinalou José Manuel Lage, voceiro do Goberno municipal.

Neste sentido, nos orzamentos destaca especialmente o incremento do gasto social: medra un 12,3 % ata alcanzar os 27,5 millóns de euros. Isto permitirá ampliar programas como a Renda Social Municipal (con 200.000 máis), e a posta en marcha do proxecto de apoio a persoas coidadoras (250.000 euros), así como ao plan de atención á saúde mental.

Ademais, incrementánse as achegas a entidades sociais e deportivas da cidade ata superar os 9 millóns de euros, o que supón 841.000 máis que nos últimos orzamentos en vigor. “Estos orzamentos permitirán atender a unha boa parte das necesidades que se veñen demandando en moitos casos, asociacións, colectivos e entidades da nosa cidade. Son xustos, porque pensan nunha boa distribución territorial, pensando nos nosos barrios, nas necesidades que teñan as coruñesas e coruñeses, pensando en reforzar os servizos publicos municipais”, recalcou José Manuel Lage.

Fondos para vivenda pública e incremento da partida para Medio Ambiente

Ademais, as contas do 2022 reservan máis de 9 millóns de euros destinadas á promoción de vivenda pública, así como 3 millóns para un plan de dinamización dos locais comerciais baleiros, que inclúe a compra de locais para a creación dun banco de alugueiro e o uso como equipamentos públicos.

Tamén se incrementa a partida para Deportes, ata preto dos 11 millóns de euros (un millón máis que no ano 2020), o que permitirá a construción dunha pista polideportiva exterior nos Rosales e outra máis na Urbanización Breogán, así como a reforma integral do pavillón polideportivo de Labañou.