― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, entregaron cadansúa tenda de campaña de emerxencias ás agrupacións dos concellos de Cedeira e Valdoviño
― Na última orde de axudas para equipamento de Protección Civil, a Xunta investiu 1M€ en dotar do equipamento necesario a este colectivo, incluíndo 26 tendas de campañas como as entregadas hoxe
― O apoio da Xunta ás AVPC da comunidade acada os 18M€, entre os 14M€ destinados a equipamento e máis de 4M€ para colaborar nos seus gastos de funcionamento
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, fixeron entrega hoxe en Ferrol de material de emerxencias para dotar dos medios necesarios ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da área ferrolá co obxectivo de que poidan levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións e prestar así maior eficiencia nas súas intervencións.
En concreto, entregaron cadansúa tenda de campaña de emerxencias ás agrupacións de Cedeira e Valdoviño habilitadas para despregar en caso dunha incidencia e ademais de fácil transporte, montaxe e desmontaxe.
Este material enmárcase na última convocatoria da orde de axudas da Xunta para reforzar o equipamento de 67 AVPC da comunidade, dotada con 1 millón de euros. Ao abeiro destas axudas, ademais das 26 tendas de campaña como as entregadas hoxe, inclúense 19 vehículos todoterreo tipo pick up, 6 remolques de emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas para a retirada de neve.
O Goberno galego reafirma así o seu compromiso cos voluntarios de Protección Civil, dos que Santiago Villanueva destacou o seu labor como reforzo aos servizos de emerxencias tanto nas tarefas de prevención como en apoio ás intervencións, sendo en moitos casos os primeiros en chegar ao lugar onde se producen as incidencias.
Deste xeito, a Administración autonómica apoia a este colectivo cun investimento de máis de 18 millóns de euros nos últimos anos, entre os 14 millóns de euros destinados ao reforzo do seu equipamento e máis de 4 millóns para colaborar nos seus gastos de funcionamento cunha orde de axudas anual de 340.000 euros da que xa se publicou a convocatoria deste ano.
En total, a Xunta leva investidos nos últimos anos máis de 21 millóns de euros en material cedido aos servizos de emerxencias dos concellos, entre os 14 millóns destinados ás AVPC e outros 7 millóns para os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES).