A Coruña mantén o tipo impositivo máis baixo das cidades galegas, o 17,33%
O Concello seguirá a ofrecer as bonificacións para as rendas máis baixas que xa aprobara no ano 2020
O cambio na ordenanza suporá unha minoración dos ingresos cifrada en 2.170.000 euros, xa contemplada nos orzamentos
O pleno municipal aprobou esta mañá a modificación da ordenanza número 53, reguladora do Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IVTNU), máis coñecido como plusvalía. O Goberno municipal, explicou o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, aplica así ao tributo municipal a nova lei estatal que modifica a base de cálculo de dito imposto.
Desde agora, todas aquelas persoas que demostren que non obtiveron beneficios na transmisión dun ben quedarán exentas do aboamento do imposto, sempre e cando acrediten a non existencia de beneficios mediante a documentación que así o demostre e certifique.
O cambio normativo suporá para as arcas municipais unha mingua nos seus ingresos de 2.170.000 euros, cifra xa contemplada nos orzamentos do 2022. Así, os ingresos municipais por dito imposto redúcense a 6,5 millóns de euros durante o actual exercicio, cantidade que provén na súa meirande parte da fiscalidade aplicada sobre os beneficios obtidos polas vendas de propiedades urbanas.
Non varía o tipo de gravame, que fica no 17,33%, sendo o máis baixo de todas as cidades galegas. Así, Vigo aplica o 30%, Lugo o 27% e Ourense o 26%, moi por enriba do tipo que rixe o imposto na Coruña.
Ademais, lembrou o concelleiro, mantéñense as bonificacións aprobadas no ano 2020 polo executivo de Inés Rey, bonificacións que supoñen un importante desconto para as rendas máis baixas en caso de herdanza da vivenda habitual. Nas transmisións por dito motivo A Coruña aplica unha bonificación xeral do 20%, que chega ao 30% cando os ingresos do beneficiario se sitúan entre o dobre e o triple do IPREM, ao 70% cando a renda se sitúe entre o IPREM e o dobre deste, e alcanza o 95% para todos aqueles que teñen ingresos inferiores ao IPREM.
O tamén voceiro do executivo coruñés recordou que no que vai de mandato o Concello aprobou diversas medidas na procura dunha maior xustiza fiscal: “No que levamos de mandato van aprobadas, ata agora, 21 bonificacións en ordenanzas e prezos públicos.
Algunhas delas porque considerabamos necesaria unha distribución máis xusta das cargas, e outras polas circunstancias que nos tocou vivir”, apuntou Lage Tuñas, recordando que, aínda que o Goberno de Inés Rey non é partidario das baixadas xeneralizadas de impostos porque minguan os recursos para ofrecer servizos, si atendeu ás necesidades derivadas da pandemia e realizou axustes para aliviar a carga fiscal sobre determinados colectivos.
Así, desde o ano 2019 o Concello aprobou rebaixas na auga, lixo e sumidoiros a familias numerosas e monoparentais; rebaixas nos mercados a entidades sen ánimo de lucro para a realización de eventos; rebaixas no IAE a empresas que non obteñan beneficios no seu exercicio fiscal; rebaixas durante a pandemia na auga, sumidoiros e lixo, e mesmo exención nas terrazas a hostaleiros e comerciantes; a gratuidade das escolas infantís municipais e tamén bonificacións no ICIO para promover a rehabilitación de inmobles.