Friday 22 de November de 2024

A ampliación do Complexo da Fieteira en Ribeira contará cun orzamento de máis de 1,5 millóns de euros e estará lista na primavera de 2023


_A Plataforma de Contratación da Xunta de Galicia vén de publicar a licitación das obras por un importe de máis de 1,3 millóns de euros. O prazo para presentación das ofertas remata o vindeiro 13 de abril

A Secretaría Xeral para o Deporte vén de publicar a licitación para as obras de ampliación e mellora do complexo deportivo de A Fieiteira por un importe de máis de 1,3 millóns de euros. En total, a obra xunto aos gastos de dirección de obra, de dirección de execución e de coordinación de seguridade e saúde ascende a máis de 1,5 millóns de euros (1.542.632 euros), dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará o 65% (1 millón de euros) e o Concello de Ribeira contribuirá coa cantidade restante (542.632 euros). O prazo para a presentación das ofertas remata o vindeiro 13 de abril.

O complexo deportivo de A Fieteira conta na actualidade cunha pista atletismo aire libre, dous campos de fútbol, piscina, polideportivo, ximnasio e mesmo unha pista pump track. Un dos puntos destacados desta actuación será a construción construción dun pavillón anexo para albergar unha zona de adestramento cuberta para atletismo, mediante un módulo que conta con pista de 5 rúas, zona de saltos ou lanzamentos; espazos para ximnasio, sala de musculación e actividades de tecnificación para a práctica do taekwondo; construción de novos vestiarios, aseos e duchas e o seu equipamento; e tamén as reformas de accesibilidade e acceso ao primeiro andar con escaleiras, ramplas e un núcleo de ascensor.

O proxecto de ampliación e mellora da infraestructura vén impulsado por algúns dos éxitos más importantes dos deportistas de Ribeira. Cómpre destacar o campionato europeo júnior e o subcampionato europeo absoluto de taekwondo acadado a finais do 2018 en Turquía polo Natural Sport Videlgi; así como a medalla de ouro acadada por Ana Peleteiro en triplo salto no Campionato de Europa de Atletismo en pista cuberta en Glasgow no mes de marzo de 2019 ou o bronce olímpico de Toquio; ou o cuarto campionato de Europa do parataekwondista Álex Vidal colleitado en Italia en novembro de 2019. O prazo estimado de execución é de doce meses dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación do replanteo.