A recadación íntegra da andaina será destinada á ONG Juan Soñador, que leva a cabo accións de acollida e información para mulleres migrantes
Case mil deportistas inscribíronse xa na X Carreira Popular Hércules e na II Andaina Solidaria #ImportaEMoito. Trátase da segunda proba do circuíto Coruña Corre e forma parte este ano da programación do Día da Muller, 8M. Este mércores tivo lugar a presentación oficial, á que asistiron as concelleiras de Deportes, Mónica Martínez, e de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.
Tanto a carreira como a andaina celebraranse o sábado 26 de marzo e, como xa é tradición, será a única proba nocturna do circuíto Coruña Corre. As carreiras comezarán ás 17.00 horas.
Haberá nove probas de categorías inferiores e está previsto que á carreira absoluta comece ás 20.00 horas. O percorrido total é de 6,6 quilómetros, a saída estará no paseo dos Menhires e a meta na Torre de Hércules. Ao acto de presentación asistiu tamén José Carlos Tuñas, presidente e adestrador do club Coruña Comarca, que colabora nesta proba. Ademais, Tuñas foi o gran impulsor desta carreira polo parque da Torre de Hércules. “É esta unha carreira especial polas características da proba, en sábado e pola tarde-noite. O final da proba será a carón do faro milenario símbolo desta cidade, despois de superar algunha que outra costa importante”, sinalou Mónica Martínez.
Ademais da carreira, poderase participar na II Andaina Solidaria #ImportaEMoito, que se atopa dentro das iniciativas do Concello polo 8M, e ten un percorrido similar ao da proba do circuíto. As persoas que desexen realizala levarán un dorsal solidario cunha cor diferenciada e o número 261, empregado pola primeira muller que correu con dorsal nunha maratón, Kathrine V. Switzer. Os donativos para esta acción solidaria realizaranse a través da web oficial de Coruña Corre e serán de 3 euros, 5 euros ou cantidades superiores. As persoas participantes recibirán un quentador de pescozo conmemorativo.
A entidade que recibirá a recadación íntegra da andaina será Juan Soñador, que leva a cabo accións de acollida e información para mulleres migrantes a través do seu programa Círculos de Mulleres – Malaikas. No acto desta mañá estivo presente Eloína Ingerto, directora territorial da asociación. Un total de 45 mulleres de 11 nacionalidades comprendidas entre os 31 e 78 anos participan nas actividades dos Círculos. “Con esta colaboración queremos seguir amosando o noso apoio ao tecido asociativo da cidade, así como a aqueles proxectos que traballan a favor da igualdade e o empoderamento das mulleres”, apuntou Yoya Neira.
A data límite para inscribirse tanto na carreira como na andaina é o 20 de marzo ás 23.59 horas. O custo será de 3 euros polo dorsal máis 2 euros polo chip, coa excepción das persoas desempregadas, maiores de 65 e con Carné Xove, que pagarán 2 euros máis 1 euro polo chip. Ata o momento hai case mil persoas inscritas nas diferentes carreiras, o que confirma que a participación será moi alta. Por outra banda, a inscrición no circuíto Coruña Corre estará aberta ata o 1 de maio. Cabe lembrar que só é necesaria a participación en 4 probas para figurar nas táboas clasificatorias.
As inscricións faranse en liña nas páxinas www.coruna.gal/carreiraspopulares ou www.corunacorre.com