Nesta xornada efectuouse a entrega da viaxe familiar para catro persoas a Eurodisney á afortunada na segunda edición da campaña pobrense Raña e gaña, a cal se desenvolveu na época do Nadal. Eva Santamaría Dios recibiu o agasallo da man da concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra); da directora das relacións externas de Congalsa, Isabel Cañas; e do representante do establecemento local ‘Entrena Galicia’ onde se distribuíu a tarxeta, José Manuel Rodríguez.
Déuselle así continuidade a esta proposta co obxectivo de incentiva-las compras nos establecementos de proximidade e, polo tanto, vigoriza-la actividade económica do municipio; unha iniciativa pensada especificamente para a época do Nadal, xurdida da unión de forzas entre o Concello da Pobra do Caramiñal e o comercio local xunto coa colaboración do tecido empresarial: Congalsa, Grupo Roig, Rianxeira/Escurís, Conservas Ramón Franco, a estación de servizo Avia e DS Smith Cartogal.
No transcurso da campaña distribuíronse arredor de 80 000 rascas en 60 establecementos comerciais e de servizos da localidade, entre os días 27 de novembro e 6 de xaneiro, o cal se traduciu na entrega de arredor de 600 agasallos directos por un importe total de case 15 000 euros, ademais dun movemento de aproximadamente 800 000 euros.