Saturday 16 de November de 2024

Información cultural da semana en Carral


BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL – POLO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

Nunha semana tan especial, a Biblioteca fixo unha pequena selección de libros escritos por mulleres. Mulleres feministas que coa súa obra reivindican a igualdade de xénero en todos os ámbitos da sociedade.

Algunha delas como Emilia Pardo Bazán ou Rosalía abriron camiño. Virginia Woolf, María Xosé Queizán, Marjane Satrapi… todas elas cunha mensaxe común, o empoderamento da muller e o recoñecemento efectivo dos seus dereitos.

“Sólo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprisionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.

Yo, sin embargo, soy libre, libre como los pájaros, como las brisas; como los árboles en el desierto y el pirata en la mar.”

Fragmento de “Lieders” de Rosalía de Castro

O VENRES TERÁ LUGAR A SEGUNDA CONVERSA CON POETAS

No marco das actividades de conmemoración dos 25 anos do Premio de Poesía Concello de Carral, a Casa da Cultura acollerá este venres a segunda sesión das Conversas con Poetas. A actividade comezará ás 20:00 h.

Nesta ocasión participarán Emma Pedreira, Baldo Ramos e Xosé Luís Mosquera, moderados pola profesora e crítica literaria carralesa Inma Otero, para falar de como influíu nas súas traxectorias o ter conseguido o premio de Carral, cales foron os seus inicios na literatura, en que están a traballar na actualidade…

Para asistir é necesario anotarse previamente na Casa da Cultura chamando ao 981 672 580.

O CONCELLO FACILITA A POSIBILIDADE DE VER “A PESTE”, O ESPECTÁCULO TEATRAL DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

O Centro Dramático Galego está a representar “A Peste” no Salón Teatro de Santiago de Compostela, e ofrece un autobús gratuíto para asistir á función da noite deste sábado. Coa colaboración do Concello de Carral, que asume o custo das entradas ao espectáculo, as persoas interesadas en asistir deberán reservar a súa praza na Casa da Cultura ou no teléfono 981 672 580.

O autobús partirá do Campo da Feira ás 17:30 h. e volverá desde Santiago ás 23:00 h.

“A Peste” é unha adaptación do texto de Albert Camus dirixida por Cándido Pazó, e na que participa un extenso elenco e cunha atractiva escenografía.

É unha boa ocasión para gozar dunha excelente proposta teatral que está a obter un gran éxito e que conclúe nesta semana a súa representación.