Nestes días desenvólvense traballos en distintos puntos do municipio que tamén inclúen o pintado de prazas de aparcadoiro e a instalación de mobiliario urbano
O Concello leva varias xornadas traballando en distintos puntos do municipio co obxectivo de mellorar a seguridade e a accesibilidade das beirarrúas, pero tamén a do tráfico, co pintado de prazas de aparcadoiro, sinalización horizontal e a instalación de espellos convexos en varios cruzamentos. Estas actuacións complétanse, ademais, coa reposición de mobiliario urbano e incluso coa colocación de novo equipamento. Os labores nas beirarrúas céntranse maioritariamente en zonas onde se produciron levantamentos, sobre todo naquelas con arborado onde o propio crecemento da planta foi desconxuntando as baldosas, co conseguinte perigo de tropezos e caídas de viandantes.
Para corrixir estes problemas, o Concello está levando a cabo reparacións que van desde o simple cambio dunha baldosa até a substitución de tramos enteiros de beirarrúa, ademais de ocuparse do acondicionamento dos alcorques das árbores.
Os traballos, cifrados en preto de 9.000 euros, desenvolvéronse ou aínda están desenvolvéndose na estrada da Palma -fronte á ferretería Berto-, na rúa Conces, nas avenidas Naturais de Fene e Marqués de Figueroa e no entorno da Praza 10 de Marzo e da avenida da Cooperación.
As obras, todas elas de escasa entidade, coinciden no tempo con outras melloras relacionadas coa accesibilidade e máis a seguridade viaria e do tráfico, como por exemplo o pintado de prazas de aparcadoiro en Conces, na rúa Río Cádavo e no barrio de San Valentín, a colocación de espellos convexos que faciliten as incorporacións en varios cruzamentos ou a instalación de bolardos nun punto de Marqués de Figueroa en que a beirarrúa está a un nivel máis baixo que a estrada.
Malia que o groso dos labores está executándose nestes intres na zona urbana, o Concello ten practicamente finalizada a revisión desas mesmas necesidades nas parroquias, onde tamén se subsanarán proximamente as deficiencias detectadas polo persoal municipal e as trasladadas pola veciñanza.
Cómpre recordar, ademais, que o Concello prosegue co programa de mantementos en xardíns e outros espazos públicos, que comprende tanto as rozas e limpezas como a reposición de mobiliario. Neste sentido, recentemente instaláronse cinceiros urbanos en varios lugares concorridos do territorio, coa finalidade de que as cabichas non queden ciscadas polo chan e, sobre todo, de que poidan ser recollidas e procesadas de maneira axeitada por tratarse de residuos altamente contaminantes que perduran anos no ambiente.