Friday 22 de November de 2024

Os novos Orzamentos aumentan en 50 millóns de euros o investimento público na cidade


O capítulo de investimentos reais increméntase en máis de 34 millóns de euros. A área de Deportes contará cun millón de euros máis para afrontar novos proxectos. Medio ambiente incrementa a súa partida en case 3 millóns de euros para mellora de parques e xardíns. Vivenda, Emprego, Cultura e Benestar Social rexistran tamén importantes incrementos

O acordo orzamentario asinado entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica dotará ao Concello dunha potente ferramenta para axudar á dinamización económica e para ampliar o escudo social

O Concello da Coruña contará este anos cuns orzamentos que aumentan ata os 310 millóns de euros, 50 millóns de euros máis que no 2020. Incluíndo os entes e empresas municipais, os recursos municipais ascenden a 335.189.558 euros. A Xunta de Goberno Local deu hoxe o visto bo ás cifras, que se debatirán o xoves desta semana en pleno para a súa entrada en vigor.

O Orzamento Municipal deste ano, destacou a alcaldesa, Inés Rey, é froito do acordo e do diálogo co grupo municipal da Marea Atlántica, e preséntase como unha potente ferramenta para axudar na dinamización económica da cidade, mais tamén para estender o escudo social ás persoas que máis o precisan e contribuír á mellora da calidade urbana e ambiental da cidade.

O incremento do investimento público, indicou Inés Rey, constátase en todas as áreas. No capítulo de investimentos reais o aumento con respecto ao ano 2020 ascende a a 34.666.278, dos que máis de 29 millóns corresponden coa área de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade. Os ditos fondos permitirán rematar proxectos en marcha, mais tamén poñer en marcha outros novos como a humanización da praza da Palloza e a reurbanización das rúas Comercio, Vila de Cee, Santander e Ponte.

As contas do 2022 reservan importantes cantidades para vivenda (9 millóns de euros) e tamén para a dinamización de locais comerciais baleiros (3 millóns de euros) cos que se creará un banco de alugueiro, mais que tamén se destinarán a equipamentos públicos.

A área de Deportes medra tamén ata ficar preto dos 11 millóns de euros, un millón máis que no 2020. Os ditos fondos permitirán, entre outras moitas cousas, a construción dunha pista polideportiva exterior nos Rosales e outra máis na Urbanización Breogán, ademais da instalación de céspede artificial no campo de fútbol Víctor Fernández Alonso e a reforma integral do pavillón polideportivo de Labañou.

As contas rexistran tamén un incremento de case 3 millóns de euros na área de Medio Ambiente, que permitirán destinar 7,5 millóns á mellora do mantemento de parques e xardíns, 1,9 millóns máis que ata o de agora.

Melloras en todo o carril bici (1,5 millóns de euros) e humanizacións de rúas (4 millóns) aparecen nunhas contas cuns ingresos que crecen, entre outras cousas, pola incorporación dos fondos europeos Next Generation (11 millóns de euros) e IDAE (12 millóns de euros) acadados polo Executivo de Rey durante o actual mandato.

Nos orzamentos destaca especialmente o incremento do gasto social, que crece un 12,3% ata os 27,5 millóns de euros, o que permitirá ampliar programas como a Renda Social Municipal (200.000 euros máis) o poñer en marcha outros como o de apoio a persoas coidadoras (250.000 euros) ou de atención á saúde mental. As achegas a entidades sociais, culturais e deportivas da cidade soben tamén ata superar os 9 millóns de euros, 841.000 euros máis que nos últimos orzamentos en vigor.

“Agradezo á Marea Atlántica a capacidade de diálogo para chegar a un acordo que beneficia á cidade no intre no que máis precisa unhas contas de carácter expansivo”, indicou Inés Rey.