O Salón de Plenos de María Pita acolleu o sorteo dos grupos da Golden Cup con representantes dos mellores equipos de hóckey sobre patíns do continente
O palacio de María Pita acolleu esta mañá o sorteo dos grupos da Golden Cup de hóckey sobre patíns, que se celebrará na Coruña do 11 ao 17 de abril e reunirá aos mellores equipos de Europa, entre eles o Liceo, que celebrará ademais o 50 aniversario da súa fundación.
O Liceo, como anfitrión, foi un dos cabeza de serie e quedou emparellado no grupo C con Barcelos (Portugal) e Forte dei Marmi (Italia). No grupo A atópanse Porto e Benfica de Portugal e o Caldes catalán. No grupo B están o Barcelona, o Sporting de Portugal e o SaintOmer francés. Por último, o grupo D quedou formado por Oliveirense (Portugal), Reus e Noia.
Representantes e xogadores dos diferentes equipos participantes asistiron ao sorteo en María Pita, que contou tamén coa presenza de Joao Nuno Araujo, representante dos clubs europeos.
O Palacio dos Deportes será o epicentro do hóckey europeo. Trátase dun escenario ben coñecido por todos os clubs, xa que é a casa do Liceo, o conxunto deportivo máis laureado de Galicia e un dos equipos de hóckey con máis historia de Europa. “Por Riazor pasaron os mellores xogadores da historia, celebráronse campionatos do mundo e de Europa e xoga o mellor dos clubs do deporte galego”, apuntou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez.
A Golden Cup é unha competición organizada polos doce compoñentes da EHCA (Asociación Europea de Clubs de Hóckey). O torneo contará cunha primeira fase de grupos, que se celebrará do 11 ao 13 de abril. Clasifícanse para os cuartos de final os dous mellores de cada grupo. As eliminatorias finais disputaranse os seguintes días ata o domingo 17 de abril, cando está previsto que se celebre a gran final.