A Comisión de Patrimonio, na que está representada a Xunta informou desfavorablemente do proxecto da propia Xunta para o CEIP Eusebio da Guarda, que acumula un ano de demora sen que a Consellaría de Educación corrixa os defectos que a propia Xunta detecta
O Concello da Coruña esíxelle á Xunta de Galicia a tramitación adecuada dos proxectos en marcha en centros educativos da súa titularidade na cidade para evitar un maior prexuízo sobre o alumnado. Trátase de tres proxectos pendentes de inicio nos colexios Rafael Dieste e Eusebio da Guarda.
No caso do CEIP Rafael Dieste, a Xunta pediu licenza en xuño do 2021, licenza que foi informada favorablemente pero cuxa consecución a Xunta adiou solicitando o aprazamento do pagamento das taxas correspondentes cando lle foron solicitadas por non ter adxudicada aínda a obra. O 21 de febreiro deste ano volveron pedir o xiro de ditas taxas e procederon ao seu ingreso. O Concello xa dera informe técnico favorable en xullo do 2021. A Consellaría de Educación tardou case 8 meses en cumprir cos trámites precisos para a obtención do necesario permiso, demora que padecen os usuarios e usuarias do centro educativo público.
Por outra banda, no caso do CEIP Eusebio da Guarda, solicitouse desde a Xunta a licenza o 27 de xullo de 2021 para a reforma integral. O informe técnico levado a cabo polo Concello foi favorable en data do 19 de novembro. O 15 de decembro reuniuse a comisión do PEPRI e deu por válido o proxecto. O 13 de xaneiro deste 2022 o Concello remitiu as taxas oportunas á Xunta, que non foron aboadas ata a pasada semana. Como calquera particular ou entidade, a Xunta ten tamén a obriga de cumprir uns trámites para a obtención de licencias, trámites que no seu caso demorou ata agora.