O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou en Madrid na reunión da Conferencia Sectorial de Xustiza
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou en Madrid na reunión da Conferencia Sectorial de Xustiza, onde valorou o compromiso efectuado polo ministro, Rafael Catalá, de que o Rexistro Civil seguirá a ser gratuíto e público e despois da reforma que está en marcha.
“Apoiamos ao Ministerio no seu cometido de levar adiante esta reforma sempre que se garante, e así se nos ten garantido, que se vai manter o carácter gratuíto e público do rexistro civil”, destacou Rueda nunha comparecencia ante os medios de comunicación, na que tamén fixo fincapé en que se comprometeu o mantemento dos postos de traballo e recordou que a desxudicialización dos rexistros civís é froito dunha reforma levada a cabo polo anterior Goberno da Nación.
Dita reforma foi un dos temas centrais da conferencia sectorial, a segunda que ten lugar en cinco meses, un feito que tamén agradeceu o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do Goberno galego, que manifestou a súa satisfacción por poder abordar con regularidade asuntos do ámbito da Xustiza que son de interese común para Ministerio e para Comunidades Autónomas.
Outro deses temas analizado hoxe foi o reparto dun fondo de 6 millóns de euros habilitado polo Ministerio, que o goberno galego destinará á xustiza gratuíta, unha cantidade que as Comunidades consideraron aínda “insuficiente”, aínda que valoraron e celebraron “o compromiso do Ministerio en seguir traballando para ir paulatinamente aumentando esta cantidade”, en palabras de Rueda. Todas as autonomías aceptaron de xeito unánime os criterios de distribución, polos que a Galicia lle corresponderán arredor de 350.000 euros dese fondo, que se fará efectivo a través de convenios que se asinarán nas vindeiras semanas.
Outras das cuestións abordadas na reunión tiveron que ver coa introdución das novas tecnoloxías na Administración de Xustiza, coa convocatoria de emprego público e coas reformas lexislativas en marcha, entre as que se atopan futuras modificacións normativas que faciliten as labores de expurgo nos xulgados, contribuíndo a liberar espazos.