Saturday 16 de November de 2024

Celebración do #8M en San Sadurniño


Van imaxes do acto do #8M celebrado en San Sadurniño este mediodía, ao que asistiron veciñas e veciños, persoal municipal e tamén varias usuarias do Centro de Día. Ademais de ler o texto da declaración institucional aprobada no pleno do venres pasado, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, tamén inaugurou a exposición “Mulleres que” na compaña da súa autora, a artista local Micaela Campanini Caffaro.

Hoxe arranca un programa de actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade que rematarán o domingo 27 de marzo na Casa da Cultura coa proxección do filme “Nación” de Margarita Ledo, seguido dun coloquio coa directora e a produtora do filme. O evento abrirao e pecharao a frautista local Erika González.

As propostas antes daquela dirixiranse principalmente ao alumnado do CPI. Así, do luns 14 ao xoves 17 desenvolverase nos cursos de 1º a 6º de Educación Primaria o obradoiro “Mulleres que nos constrúen”, coordinado por Tarabela Creativa, que convida a rapazada a traballar sobre a visibilización da muller a través da escritura de relatos. A actividade, a medio camiño entre a promoción da igualdade e da lingua, conta con financiamento dos créditos recibidos da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade.

Por outra banda, o 22 de marzo proxectarase a película “As tres caídas de María Santiso” para 4º da ESO e, ademais, está previsto que o alumnado de 2º se achegue ao Concello o día 24 para participar nunha visita guiada á exposición “Mulleres que”.