• Esta iniciativa articúlase a través dun convenio con Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Téxtil de Galicia ( INS3 RTEGA).
• A recollida selectiva destes residuos reducirá o volume que se deposita nos contedores tradicionais e complementa a reutilización que se fai coas doazóns ao Roupeiro Municipal.
O Concello de Miño e Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Téxtil de Galicia ( INS3 RTEGA) asinaron un convenio polo que esta última instalará e xestionará 10 contedores en todas as parroquias para a recollida selectiva dos residuos téxtiles e zapatos procedentes dos fogares particulares.
O acordo, asinado polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, a concelleira de Servizos Sociais, Yolanda Belo, e o representante de INS3 RTEGA, Juan Meijide Fernández, permitirá reducir o volume destes residuos que se deposita nos contedores tradicionais, xerando unha diminución de custos de xestión, e tamén facilitará aos veciños e veciñas de Miño a súa reciclaxe, complementando a reutilización que se fai coas doazóns ao Roupeiro Municipal.
Os contedores instalaranse nas seguintes localizacións: local social de Callobre, local social de Bemantes, cemiterio de Leiro, local social de Carantoña, local social de Viadeiro, Sombreu, local social de Xarío, Miño, e dous en Costa Miño Golf. A duración do acordo é de 4 anos.