Monday 25 de November de 2024

O BNG aproba en solitario os orzamentos de San Sadurniño e sen obxeccións da oposición


A exposición das contas para este ano só ocupou 7 dos máis de 40 minutos que durou o pleno

O asunto que acaparou case todo o debate foi a solicitude do PP de que o goberno municipal de 2007 cubra solidariamente as indemnizacións polos terreos da Cooperativa de San Sadurniño

 

O pleno ao que se levan os Orzamentos municipais é o máis importante do ano, xa que nel se debaten as previsións económicas para o sostemento de toda a actividade municipal durante o exercicio. Tamén é o escenario no que os grupos políticos mellor poden mostrar cal é a súa visión sobre o Concello e por onde debe avanzar no futuro. E nun pleno coma o de San Sadurniño, con tres forzas representadas e unha delas gobernando con maioría absoluta, cabería agardar que a oposición aproveitase o debate orzamentario para mostrar un punto de vista propio e alternativo ou, cando menos, para criticar ou contraargumentar a proposta do Grupo de goberno. Nada diso ocorreu no pleno extraordinario do pasado venres, onde as contas -3.169.915,62 euros- se expuxeron e votaron en escasos sete minutos dos máis de corenta que durou o pleno. E é que a maior parte do debate estivo centrado na petición do PP de que os membros do bipartito que gobernaba en 2007 cubran co seu patrimonio persoal os preto de 283.000 euros de indemnización que percibiu a Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño polos terreos rústicos incluídos no convenio urbanístico asinado daquela coa entidade, declarado nulo oito anos despois.

Para entender o trasfondo da cuestión hai que volver resumir un asunto recorrente nos plenos da última década. No ano 2007, cando San Sadurniño estaba gobernado por 5 concelleiros do BNG e 1 do PSOE, a Xunta do bipartito ofreceu a posibilidade de construír un Centro de Día sempre e cando o Concello puxese á súa disposición os terreos necesarios.

Ao non contar con chan público na zona urbana, o Concello explorou a posibilidade de suscribir un convenio urbanístico coa Cooperativa de Explotación en Común de San Sadurniño para que esta cedese tanto a parcela na que despois se erguería o centro de atención como as que agora están ocupadas polo arboreto, a horta de conservación de froiteiras ou a área de servizos para autocaravanas. O acordo -aprobado en pleno só cos votos do BNG e o PSOE- estipulaba que, a cambio, o consistorio tería en consideración no futuro PXOM a cualificación urbanística doutras parcelas da cooperativa.

O prazo que se deu para cumprir ese compromiso foron 5 anos, considerando que para 2012 o planeamento xa estaría aprobado. Porén, chegado ese ano, o PXOM aínda non pasara da súa aprobación inicial, debido principalmente a cambios normativos que obrigaron a refacer a documentación. Nese tempo transcorrido a cooperativa tamén entrou en liquidación e nomeou tres responsables para conducir o proceso de disolución e de xestión dos seus activos.

Malia que o Concello quixo prorrogar a vixencia do convenio, os tres liquidadores rexeitaron esa posibilidade e reclamaron o pagamento de 1,5 millóns de euros polos terreos. O Concello asumiu que, de non manterse o convenio, a cooperativa debía percibir un prezo xusto polas terras, pero en ningún caso o millón e medio de euros que esixían os liquidadores, considerando que se trataba dunha cantidade moi por riba do valor real dos terreos.

Así as cousas, a resolución do conflito sobre a contía que había que pagar acabou no Contencioso-Administrativo, que en 2018 estableceu un prezo cercano aos 504.000 euros -non 1,5 millóns- en concepto de indemnización e xuros. Pouco despois o TSXG corrixiría a sentenza, de maneira que só debían satisfacerse os 282.828,60 euros correspondentes aos terreos rústicos e ditaminando que se volvese calcular o prezo dos terreos urbanos. Desa cantidade o Concello xa pagara algo máis de 80.000 euros en 2015 -ano no que tamén anulou o convenio- e o importe restante fíxose efectivo en xullo do ano pasado.

En espera de que se resolva a indemnización polos terreos urbanos, o último capítulo da historia é, por agora, un escrito rexistrado o pasado 30 de decembro polas concelleiras do PP María Belén Trigo e Esther Díaz esixindo que sexan Secundino García, Manolo Varela, Pepe Gudín, Mari Carme Muíño, Suso Soto e Fernando Márquez -os concelleiros que aprobaron a sinatura do convenio no pleno de 2007- quen poñan do seu peto o importe da indemnización ou, dito doutro xeito, que os cinco edís paguen solidariamente o prezo dunhas terras que son hoxe de titulariedade municipal. A esixencia, segundo as concelleiras, obedece a que “houbo actuacións que non foron correctas” e á necesidade “dunha aclaración”, entendendo que “non se defenderon os intereses dos veciños” e que “houbo cousas que nalgún momento puideron estar fóra da lei”.

Na súa réplica, a portavoz do Grupo de goberno, Mari Carme Muíño, fixo a precisión de que “o que se nos pide ás persoas que votamos a favor da aprobación do convenio é que respondamos co noso patrimonio persoal pola cantidade que lle aboou o Concello á Cooperativa”. A concelleira acusou ao PP de querer “poñer outra vez en cuestión” unha decisión adoptada en 2007 que permitiu, entre outras cousas, dispor de terreos para construír “un recurso esencial” como o Centro de Día “do que nos sentimos moi orgullosos”. Neste sentido, Muíño quixo agradecerlle “a altura de miras” aos responsables da Cooperativa que naquel entón “pensaron no interese colectivo e permitiron alcanzar este acordo”.

A portavoz do BNG lamentou “esta vía de facer oposción, porque non tedes nada que ofrecer” e criticoulles ás dúas edís populares que acudisen “á política de navallada, saltando ao terreo persoal e sinalando directamente aos vosos veciños e veciñas” que, segundo manifestou, responde a unha “falta de ética e escaso talante humano”. Antes de rematar, Muíño preguntou polos motivos de que a petición só fose suscrita por María Belén Trigo e Esther Díaz, pero non polo terceiro membro do grupo municipal do PP, José Luís Hermida, que nestes momentos é liquidador da Cooperativa de San Sadurniño e “parte interesada” no procedemento de disolución da entidade, tal e como recoñeceu María Belén Trigo uns minutos despois.

Tamén se dirixiu con dureza á bancada popular o edil do PSOE Lois Anxo Rodríguez. “Non queredes esclarecer nada, esixides que se responda co patrimonio persoal. Algo que desde o meu punto de vista é unha pasada de freada”, espetoulles, engadindo a continuación que consideraba “un exceso innecesario {…} esixir que alguén responda co seu patrimonio persoal por facer un ben”. Rodríguez abondou na súa argumentación defendendo que na actuación do Goberno local de 2007 “non houbo dolo nin tampouco neglixencia grave” e recordou que no pleno de aprobación do convenio urbanístico tampouco houbo ningunha advertencia do Secretario Municipal de que se puidese estar actuando “de maneira ilícita”.

O debate inicial foi seguido dunha segunda intervención da portavoz do PP ratificándose no seu posicionamento e asegurando que o convenio urbanístico -anulado en 2015- non contaba con informe técnico favorable nin tampouco co debido trámite de exposición pública.

A fin á dialéctica púxose votando a proposta da Alcaldía sobre o escrito presentado polas concelleiras do PP. Neste sentido, todos os concelleiros e concelleiras da corporación -tamén os acusados de neglixencia polo PP- votaron a favor de abrir un período de información ou actuacións previas para coñecer toda a información acumulada desde 2007 e decidir sobre a conveniencia ou non de iniciar un expediente, para o cal se lle solicitou ao Secretario-Interventor que emita o correspondente informe.

7 minutos para falar do proxecto de orzamentos
O último punto do pleno -no que tamén se aprobou a declaración institucional do 8M e a adhesión ao convenio autonómico de control da velutina- foi o relativo aos orzamentos municipais. Cabía agardar que a sesión chegara ao seu ecuador, habida conta de que nos catro asuntos anteriores se consumiran 34 minutos e faltaba por tratar o máis importante de todos, non tanto polo resultado da votación final, senón polo feito de que os debates orzamentarios adoitan vir marcados pola controversia nas réplicas e contrarréplicas. Pero non foi así.

O Grupo de goberno repasou as grandes cifras e liñas mestras dun proxecto orzamentario cifrado en 3.169.915,62 euros nos apartados correlativos de ingresos e gastos, o que supón un 7,68% máis que a consignación consignación económica inicial do 2021. Mari Carme Muíño foi debullando os capítulos dunhas contas que aínda se poderían incrementar máis ao longo do exercicio por medio dos plans adicionais da Deputación da Coruña e dos proxectos susceptibles de ser financiados con fondos Next Generation e co Convenio de Transición Xusta da comarca mineira das Pontes.

En calquera caso, segundo defendeu a portavoz nacionalista, o Orzamento 2022 deseñouse “con realismo e prudencia” nun contexto de “incertidume” e seguindo “a senda social” das anualidades anteriores. “É un orzamento responsable, comprometido cos servizos sociais, cos servizos municipais e en conexión coas necesidades das veciñas e veciños”. Muíño destacou tamén o incremento dun 29% no apartado de investimentos, no que entran tanto as infraestruturas básicas como a previsión de investir 300.000 euros na rehabilitación da antiga escola de Igrexafeita como centro de atención sociocomunitaria.

A exposición do Grupo de goberno foi breve, esperando que, sen dúbida, a réplica da oposición dese pé para entrar máis no detalle. Porén, nin populares nin socialista deron lugar ao debate. Na súa quenda, Lois Anxo Rodríguez anunciou a súa abstención sinalando que un problema no correo electrónico lle impedira revisar a documentación. O PP tamén dixo que se abstería, sen entrar en máis valoracións.