A Comisión de Honras e Distincións resolveu propoñer como fillo predilecto a Javier López López, así como fillos adoptivos a Rodrigo Maseda Lozano e José Antonio Villamor Vázquez, os heroes de Orzán. As distincións irán a pleno para o seu debate e aprobación.
A Comisión de Honras e Distincións do Concello da Coruña reuniuse este luns no Pazo Municipal de María Pita para propoñer o nomeamento do título de fillo adoptivo a Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye, dous cidadáns que, na madrugada do día 2 de xullo do 2021, tentaron axudar a Samuel Luiz Muñiz.
Neste sentido, a Comisión de Honras e Distincións valorou o exemplo de solidariedade de Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye ante unha persoa descoñecida para eles, un acto de civismo e responsabilidade que, pese ao cruento desenlace final, supón un motivo de orgullo recoñecido polo Goberno municipal de Inés Rey e a cidadanía da Coruña.
Tamén propón un recoñecemento para os tres heroes do Orzán que, hai dez anos, perderon a vida tentando salvar a un estudante Erasmus, Tomas Velicky, que foi arrastrado polo mar na praia do Orzán nunha noite de temporal. Os tres membros da Policía Nacional que buscaron evitar aquel fatal desenlace recibirán agora a distinción de fillo predilecto —no caso de Javier López López— e fillos adoptivos da cidade —nos casos de Rodrigo Maseda Lozano e José Antonio Villamor Vázquez—, unha homenaxe a título póstumo que busca poñer en valor o xenerosidade dos falecidos, exemplo de entrega absoluta á cidadanía máis alá do servizo público que prestaban.
A súa acción, heroica, está fixada na memoria das coruñesas e coruñeses, tamén no monumento da Coiraza do Orzán, donde cada 27 de xaneiro se reúnen familiares, achegados e compañeiros da Policía Nacional para honrar a súa xesta As propostas da comisión serán debatidas en pleno para a súa aprobación.
Dúas rúas para Irene González Basanta e Antonia Ferrín Moreiras
Por outra banda, a Comisión de Honras e Distincións acordou a proposta de outorgamento do nome de dúas vías públicas da cidade a Irene González Basanta e Antonia Ferrín Moreiras, dignificando o papel de dúas mulleres, galegas, pioneiras no seu campo en contextos temporais moi diferentes ao actual e especialmente complexos.
Irene González Basanta destacou, a comezos do século XX, na práctica do fútbol, chegando a fundar un club homónimo na Coruña no que ela era a única muller e a capitá.
Foi exemplo para nenas e mulleres, un fito que quedou illado no tempo e que, agora, terá resposta cun recoñecemento na súa cidade.
Pola súa parte, Antonia Ferrín Moreiras, oriúnda de Ourense, foi a primeira muller doutora en Astronomía en toda España, tamén a primeira muller entre o profesorado da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, que ela mesma contribuiu a fundar, guiando ademais os pasos de moitas mulleres no eido da ciencia, que hoxe son catedráticas en distintas universidades e en múltiples áreas de coñecemento. Esta proposta para concederlle unha rúa na Coruña achegouse a través da solicitude da Agrupación Astronómica Ío.