Monday 25 de November de 2024

Feijóo resalta o esforzo realizado polos profesionais sanitarios para facer do sergas un sistema máis forte, máis eficiente e máis útil para o paciente


Asegura que a cronicidade, a resposta ás necesidades socio-sanitarias e a medicina personalizada constitúen os principais retos a afrontar polo sistema de saúde, e o Acordo de Xestión 2015, di, é o punto de partida para definir a estratexia a seguir de cara ao horizonte 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou traballo e o esforzo realizado polos profesionais sanitarios para que o Servizo Galego de Saúde sexa actualmente un sistema máis forte, máis eficiente e máis áxil porque foi quen, dixo, de priorizar obxectivos e de incorporar as novas tecnoloxías para dar unha mellor resposta aos pacientes.

Así o manifestou no acto de sinatura do Acordo de Xestión 2015 que explicita, engadiu, un exercicio anual de corresponsabilidade por parte dos persoal do Sergas ao protocolizar os obxectivos que cumprir e deixar constancia de que este servizo público está en constante modernización e non actúa como unha estrutura estática.

“Hai que agradecer aos profesionais o seu esforzo titánico: máis traballo e menos retribución, máis traballo e máis responsabilidade”, afirmou. Un esforzo que considerou fundamental á hora de mellorar a utilización dos recursos públicos e, tamén, para incrementar os indicadores de produtividade e de calidade do Sergas.

O presidente da Xunta precisou que o Acordo de Xestión asinado hoxe é unha guía para marcar futuros obxectivos e trazar un plan de actuación que busca unha mellora continua do Sergas. Un servizo, proseguiu, cun destinatario claro que é o paciente, cunha ferramenta concreta como son as TIC, e co fin de crear un modelo de atención sanitaria centrado no doente, na doenza e no seu contorno de vida.

Nesta liña, precisou que a cronicidade, a resposta ás necesidades socio-sanitarias e a medicina personalizada constitúen os principais retos a afrontar polo sistema de saúde, e o Acordo de Xestión 2015 é o punto de partida para definir a estratexia a seguir de cara ao horizonte 2020; un instrumento que formaliza a vontade de todos os profesionais para cumprir as metas de futuro do servizo público de saúde. De darlle máis capacidade e maior alcance, incidiu.

Obxectivos do Acordo de Xestión 2015
Subliñou, así, que este acordo recolle un conxunto de liñas de actuación que teñen como obxectivos principais fomentar a formación de pacientes e a participación da cidadanía para conseguir un mellor funcionamento e uso do sistema sanitario; ou a atención dos pacientes crónicos mediante liñas de traballo como o aumento das taxas de vacinación antigripal, a mellora do control dos pacientes con pluripatoloxía e polimedicados ou o avance na atención socio-sanitaria.

Tamén contempla a implantación dun rexistro galego de tumores de mama, e a extensión da e-interconsulta ás especialidades de endocrinoloxía, cardioloxía, pneumonía, reumatoloxía e dermatoloxía. Xunto con isto, sinalou que a partir do vindeiro luns, entrará en funcionamento o novo programa Conecta 72, polo cal se realiza unha consulta telefónica ao paciente desde o centro de saúde correspondente nas primeiras 72 horas tras recibir a alta hospitalaria. E referiuse, como outros obxectivos, á potenciación dos procesos asistenciais integrados e á aposta polo desenvolvemento do modelo de xestión clínica do Sergas.

A prevención das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria; a posta en marcha do procedemento de atención ao paciente con dor crónica non oncolóxica nos servizos de atención primaria; e a realización de programas de seguimento de saúde laboral son outras medidas do Acordo de Xestión 2015. E ademais, prevé o desenvolvemento da historia clínica electrónica (Ianus) e outros sistemas de información para a xestión sanitaria; a captación de proxectos de investigación biomédica e ensaios clínicos; e, sobre todo, priorizar os indicadores de eficiencia asistencial e a xestión dos recursos económicos e humanos.

“Trátase, en definitiva, dunha serie de obxectivos que este acordo clasifica segundo a seis eixos de acción centrados na atención á saúde do cidadán; na calidade e a seguridade da asistencia sanitaria; no compromiso e a corresponsabilidade dos profesionais; na mellora dos sistemas de información; no sector sanitario como creador de valor e motor de desenvolvemento económico; e no control da eficiencia asistencial”, precisou o titular da Xunta.

A innovación e os avances da investigación biosanitaria
Durante a súa intervención, Feijóo resaltou tamén que o plan asinado hoxe será a guía para facer que este 2015 sexa o ano en que finalicen os proxectos innovadores Hospital 2050 e Innovasaúde. E, de igual xeito, salientou o posicionamento de referencia que tenta acadar Galicia no eido da compra pública innovadora, como mostra que este mes o Sergas concorra ao maior investimento de tecnoloxía sanitaria dos últimos 25 anos por valor de 88 millóns de euros.

Logo de referirse á investigación biosanitaria como parte consubstancial do sistema, que redundará nunha mellor atención aos cidadáns, Feijóo aseverou tamén que o Servizo galego de saúde seguirá a apostar polos Institutos de investigación sanitaria: Santiago, A Coruña e Vigo (os dous primeiros xa acreditados polo Instituto de Salud Carlos III).

Este acordo, concluíu, amosa que “o reto organizativo crece e as exixencias se incrementan”, aseverou. E, ao respecto, destacou que o Sergas disporá para darlle cumprimento de novas infraestruturas como o novo Hospital público de Vigo “o maior reto asistencial desde o punto de vista de infraestruturas nunca acometido polo Goberno de Galicia, a pesar da recesión económica con que se iniciou a súa construción.