Friday 22 de November de 2024

Frades conmemora mañá martes o Día Internacional da Muller cunha concentración ás 12:00 horas diante da Casa do Concello


O Concello de Frades convida á veciñanza a participar nunha concentración para conmemorar o Día Internacional da Muller que terá lugar mañá martes 8 de marzo, ás 12:00 horas, diante da Casa Consistorial en Cimadevila. No acto darase lectura a un manifesto institucional por parte da concelleira de Benestar Social, Muller, Igualdade, Conciliación e Atención ao Menor, Ángeles Álvarez Carro.

Así mesmo, o Concello de Frades volverá a levar o seu punto informativo sobre muller e igualdade á feira de Ponte Carreira, que terá lugar este venres 12 de marzo. Deste xeito, este punto repartirá material formativo e facilitará asesoramento a todas as persoas que se acheguen, tal e como se fixo os pasados 26 de febreiro e 4 de marzo en Ponte Carreira e Abellá.

Esta programación especial rematará o 31 de marzo cunha charla coloquio na que unha vítima de violencia de xénero lles contará a súa experiencia e recuperación posterior ao alumnado do IES de Ponte Carreira. Este programa, organizado polo Concello de Frades, conta coa colaboración do Ministerio de Igualdade e o Pacto de Estado contra a violencia de xénero.