Unha trintena de obras compón a nova mostra que exhibe a casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler, na Pobra do Caramiñal.
Desta vez é a quenda de Retratos emocionais, coa cal a súa autora, Marcela Morono, debuta no mundo das exposicións pictóricas, algo que, segundo apuntou, “levoume 60 anos conseguir este soño e, ao final, logreino.”
A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), manifestou que se trata dunha exposición “chea de sensibilidade” na cal cada un dos cadros reflicte unha emoción, algo significativo para a artista.
Predominan as técnicas do óleo e do acrílico, e as escenas representadas inspíranse en situacións sociais e persoais, cancións etcétera. No que respecta á temática, esta resulta moi diversa, con predilección pola muller e a natureza.
A mostra permanecerá ata o día 25 de marzo e as visitas pódense realizar de luns a venres, en horario de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas.