O Concello investiu un millón de euros en medios materiais e case medio millón máis en mantemento das instalación para a loita contra o lume
O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, trasladou hoxe o agradecemento da alcaldesa, Inés Rey, así como dos integrantes do Goberno municipal, aos profesionais do servizo de Bombeiros da cidade, presentes hoxe no Salón Real do Pazo Municipal de María Pita na presentación da Memoria Anual 2021 do colectivo.
Borrego recalcou o compromiso do servizo municipal de Bombeiros “coa súa tarefa de servizo público, para garantir a seguridade dos cidadáns onde son requiridos, e moito máis nun ano que continuou a ser especial, como tamén o foi o 2020, e onde a pandemia fixo que tivésemos que seguir mantendo o mesmo sistema de traballo para garantir a seguridade da cidadanía e, por suposto, a dos membros do servizo”.
Durante o ano pasado, o servizo municipal de Bombeiros levou a cabo 1.721 intervencións, volvendo aos niveis dos anos 2017-18, aínda que en cifras inferiores ás do ano 2019. Cabe destacar, neste sentido, a eficiencia nas intervencións executadas: nun 80,94 % dos casos, os profesionais do servizo chegaron ao lugar do sinistro en menos de 12 minutos; e nun 15,25 %, en menos de 5 minutos. “Non só e importante o número de intervencións, que dá idea do esforzo dos nosos bombeiros, senón que ademais téntase facer un traballo con calidade”, agregou Borrego. Das 1.721 intervencións, 659 solucionáronse en menos de media hora. A gran maioría delas, de carácter urxente, segundo explicou o director de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán.
O concelleiro sinalou hoxe, ademais, que o Concello segue a apostar por reforzar o servizo municipal de Bombeiros e, un ano máis, o investimento superou o millón de euros, ademais de outros 400.000 destinados, especificamente, a tarefas de mantemento e gastos propios do servizo. “Temos como obxectivo seguir tendo un dos mellores parques de Bombeiros de Galicia e, en cidades da nosa categoría, podemos dicir que de España”, apuntou Borrego.
As cifras de intervencións realizadas polo servizo municipal de Bombeiros no ano 2021, así como os tempos de resposta, pódense consultar a través da ficha específica do servizo na páxina web do Concello.
O agradecemento á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil
Á presentación da Memoria Anual 2021 do servizo municipal de Bombeiros asistiron, tamén, representantes da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, composta por 57 persoas. Juan Ignacio Borrego deu as grazas aos integrantes do colectivo, que despois da pandemia realizou un total de 308 servizos, cun total de 1.717 horas de servizo e sendo fundamentais nas tarefas de prevención e seguridade en eventos populares como as carreiras ou a Cabalgata de Reis.