Música, tradición e entrega de premios marcaron a despedida do Entroido na Pobra do Caramiñal. Para o 5 de marzo artelláronse dúas propostas: Discomóbil Chocolate animou a contorna da praza do Emigrante durante a noite e, ademais, procedeuse co enterro do Felipiño do Maño, cunha comitiva que saíu dende o campo de Cabío para percorre-las diferentes rúas do Maño e, posteriormente, proseguir por distintos lugares do centro urbano da localidade onde, pasada a medianoite, se efectuou a incineración na rampla do peirao, a carón da praia dos Areos.
No día seguinte, 6 de marzo, fíxose a entrega dos premios ás persoas gañadoras do concurso do día 26 de febreiro, destinado a maiores de 13 anos. Ademais, a charanga Oito nun Piso levou a música ás rúas da vila, mentres que o Cantón da Leña albergou xogos populares con Troskita.
Na categoría individual/parellas, o primeiro premio, dotado con 125 euros, foi parar a La vuelta al mundo de Willy Fog; o segundo a Aí vén o home do saco (100 euros); o terceiro a Predator (75 euros); o cuarto a Atún claro en aceite (50 euros); e o quinto a Milú (creación propia) (25 euros). Doutra banda, na modalidade grupal, Carmela y compañía acadou o primeiro galardón, cunha contía asignada de 200 euros; A tribu, o segundo (150 euros); o terceiro (100 euros) quedou sen adxudicar por non ir recolle-lo premio, tal e como se establecía nas bases; Steampunk, o cuarto (75 euros); e Los jipis, o quinto (50 euros).
Cómpre lembrar que para o día 27 de febreiro se dispuxo unha festa infantil que tamén contaba cun certame no cal podían participar todas aquelas crianzas con idades inferiores aos 12 anos. Neste caso, as distincións xa foron entregadas nese mesmo día e a primeira recaeu en O peluchiño (con 150 euros); a segunda en A árbore (125 euros); a terceira en O poliño (con 100 euros); a cuarta en Taller de costura (con 75 euros); e a quinta en As Tanxugueiras (con 50 euros).
Tratábase dunha serie de concursos cos cales premia-la creatividade da veciñanza á hora de confecciona-los seus disfraces e que repartiron un total de 1450 euros.