Friday 22 de November de 2024

Nava Castro destacou que o impulso da calidade é para turismo de Galicia unha das principais prioridades


No acto entregáronse estes prestixiosos distintivos de calidade á 72 empresas deste municipio turístico

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no acto de entrega de distintivos SICTED 2015-2016 que tivo lugar no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo. No acto, que contou tamén coa participación da alcaldesa, Catalina González, do presidente de SEGITTUR, Antonio López, do presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, e do presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alejandro Touriño, entregáronse estes prestixiosos distintivos de calidade á 72 empresas deste municipio turístico.

A directora de Turismo de Galicia destacou durante a súa intervención que a calidade no sector turístico non é un obxectivo final senón un xeito de traballar.

Así mesmo, Nava Castro resaltou que o distintivo SICTED, por un lado, certifica o gran esforzo desenvolvido polos axentes turísticos da Comunidade galega a prol da optimización do servizo que prestan, e por outro, acredita unha xestión solvente.

A responsable de Turismo da Xunta sinalou que Sanxenxo é un municipio turístico de gran calidade. “Así o recoñecen tanto os distintivos SICTED, as numerosas empresas e servizos certificados coa Q de Calidade Turística, e as súas praias e portos galardoados coa Bandeira Azul”, afirmou.

Por outra banda, a responsable de Turismo de Galicia asegurou que o obxectivo da Xunta é traballar conxuntamente co sector para facer da calidade un elemento diferenciador do noso destino, “un concepto que nos distinga e nos identifique nos mercados internacionais”, sinalou.

Nava Castro incidiu nesta liña explicando que o apoio á implantación e desenvolvemento dos sistemas de calidade turística é para Turismo de Galicia unha das principais prioridades xa que a calidade na oferta e nos servizos constitúe un vector fundamental para acadar un sector máis competitivo. “O feito de incrementar a cifra de servizos e empresas turísticas con distintivos de calidade redunda nunha mellora da imaxe do sector, pero tamén na mellora da confianza e da seguridade dos clientes”, sinalou.

A directora de Turismo de Galicia rematou afirmando que a calidade dos establecementos, servizos e produtos turísticos convértese nun feito diferencial e proporciona unha vantaxe competitiva fronte a outros destinos con oferta similar. “Para acadar éxito nas políticas de calidade é fundamental o compromiso e a implicación conxunta, tanto da administración turística competente como do propio sector”, concluíu.

Sanxenxo, municipio galego líder en calidade
O proxecto SICTED baséase na conciencia integral do destino e na identificación de obxectivos comúns dos axentes implicados, perseguindo un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos ao turista que nos visita.

Neste momento, en España trabállase na implantación do SICTED en 186 destinos turísticos con mais de 5.000 empresas distinguidas e Sanxenxo é un deses cinco destinos galegos integrados neste sistema de calidade español.

Grazas a aposta deste destino como Ente Xestor do SICTED dende o ano 2008, Sanxenxo converteuse actualmente no municipio de Galicia con máis empresas distinguidas, cun total de 97. Tamén no eido da certificación da Q de Calidade Turística, o dito municipio galego é líder, cun total de 26 empresas certificadas.