Estas achegas están destinadas ás asociacións culturais da cidade co obxectivo de promover e facilitar a realización das súas actividades durante o ano
O Concello da Coruña publica este luns 7 de marzo as bases do seu Plan de Apoio ás Entidades Musicais Locais, cuxo obxectivo é potenciar o desenvolvemento das actividades culturais na cidade e contribuír á defensa e divulgación dos valores socioculturais locais.
O Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) ofrecerá a través destas axudas públicas un total de 150.000 euros ás entidades musicais coruñesas. Cada unha poderá optar a unha achega máxima de 10.000 euros por proxecto ou actuación. O prazo para solicitalas ábrese este martes 8 de marzo e pecharase aos 15 días naturais.
O Concello busca con esta convocatoria coñecer a oferta musical das diferentes entidades da cidade para este ano 2022 e seleccionar entre todas os mellores proxectos coa fin de promocionar a súa actividade artística e escénica. Enténdese por entidade musical as asociacións sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade cultural na Coruña con estabilidade e teñen un grao de implementación social representativo, cunha finalidade exclusivamente artística. As actuacións seleccionadas integraranse na programación do IMCE nas datas e lugares que este organismo municipal estime oportuno.
O goberno local entende que a cultura tradicional, así como outras expresións musicais asentadas na Coruña e habitualmente excluídas dos itinerarios de exhibición musicais, son necesarias para manter a tradición musical e forman parte da cultura popular arraigada na cidade. Por iso, o Goberno de Inés Rey aposta por este tipo de achegas que contribúan a crear unha comunidade musical forte e arraigada na cidade e na súa tradición.