Adscrita ao ciclo de teatro afeccionado que se desenvolve no teatro cine Elma da Pobra do Caramiñal durante o presente mes de marzo, o Grupo Municipal de Teatro de Ribeira levará á escena O rei Telesforo busca noiva. Será no día 13, ás 19.00 horas.
Trátase dunha comedia con moitos enredos e bastante retranca, coa intención de conseguir que o público esqueza os seus problemas diarios e desfrute do teatro, do humor e da sátira. Ambientada no medievo, goza dun vestiario de época e dunha escenografía que combina elementos tradicionais con novas técnicas de luz e son para unha posta en escena final que non deixará ninguén indiferente.
As persoas interesadas en asistir de público poden reserva-la súa entrada de balde na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler ou a través do teléfono de contacto 981831545.
Organiza a Concellaría da Cultura, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.