Unha semana despois de que fose oficialmente clausurado o proxecto Riveira Atlántica 2015, o Concello está a ultimar xa o deseño dun novo programa que pretende dar continuidade ao antedito plan, e que aposta pola adopción de modelos innovadores e ambientalmente sostibles en relación a dous servizos de ámbito municipal: o novo mercado e o sistema de recollida de residuos sólidos en pequenos núcleos rurais.
Orzamentado en dous millóns de euros, dende o Executivo se están a dar os pasos necesarios para lograr a financiación que permita implementar estas dúas actuacións cunha forte carga de I+D e que seguen a senda marcada por outras accións (o PMUS, a Web-Six, o Plan de Eficiencia Enerxética Sostible, etc.) que fixeron que o noso concello fose distinguido a primeiros de ano como nova Cidade da Ciencia e a Innovación.
Polo que respecta ao mercado municipal intelixente, un dos eidos do proxecto consiste na creación dunha plataforma que recolla información en tempo real de todos os postos do mercado e dos propios usuarios, a efectos de crear un mapa interactivo, con ofertas, eventos e incidencias, e que permita unha xestión dinámica e intelixente de colas. Toda esta información podería mostrarse en paneis informativos multimedia do propio mercado ou mediante aplicacións web e para smartphones.
Drones de reparto
Ademais, quérese alcanzar un modelo de mercado virtual con trazabilidade activa, que pemita realizar xestionar e realizar a compra online, dende o produtor ao consumidar final en restauración, con elementos interactivos que permitan servizos avanzados como a preparación e reparto a domicilio. Para esta actuación contémplase a posibilidade de realizar un programa piloto co empleo de vehículos aéreos non tripulados (drones) que permitan a mellora do reparto tradicional ao non depender da ubicación de entrega nin das condicións de tráfico.
Outro dos eixos nos que incide o proxecto é a actualización en tempo real de inventario mediante a xestión proactiva e eficiente dos produtos de cada posto do mercado, empregando ademais sistemas de pesaxe intelixentes e redes de sensorización.
Por último, plantéxase a realización dun seguemento, avaliación e recoñecemento das condutas responsables na recollida de residuos a través dunha tarxeta do mercado, combinada coa sensorización de contedores e a instalación de sistemas de control de apertura, xerando un modelo que permita analizar as pautas de uso dos contedores do mercado e recoñecer as zonas cun mellor comportamento en canto á reciclaxe e xeración de residuos. Ulteriormente perséguese a optimización do plan de conterización, ubicando os contedores do mercado nos puntos óptimos en función da procedencia dos usuarios, e integrando controis de cheado para evitar desbordes.
Por outra parte, a segunda liña de actuación deste plan sería o deseño dun vehículo de recollida eléctrico con emisións nulas, co fin de prestar servizo en núcleos rurais no que os accesos fan necesario o uso de medios de transporte de pequenas dimensións (de entre 7 e 8 metros cúbicos).