O novo dispositivo posto en marcha na praza de Tabacos súmase aos xa existentes e modernizados recentemente, na praza de Pablo Iglesias e os parques de Santa Margarida e San Diego
O Concello da Coruña vén de completar a instalación da nova estación de vixilancia da calidade do aire na praza de Tabacos, que axudará a reforzar a rede de control atmosférico no centro da cidade ante a futura implantación dunha Zona de Baixas Emisións (ZBE) na Coruña.
A nova estación permitirá ampliar o labor de seguimento que xa realizan actualmente os dispositivos existentes na praza de Pablo Iglesias, o parque de Santa Margarida e o parque de San Diego, tamén actualizados e modernizados recentemente. Esta iniciativa enmárcase no plan de actualización e modernización do equipamento do Sistema de Información Ambiental.
O investimento, de 202.132,94 euros, está financiado a un 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER),no marco da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS).
Neste sentido, a cidade adiántase ao imperativo marcado pola Lei 7/2021, do 20 de maio, relativa ao cambio climático e á transición enerxética, que abrangue a obriga de delimitar Zonas de Baixas Emisións, antes do ano 2023, en poboacións que superen os 50.000 habitantes.
Para conseguilo, o Concello da Coruña despregou unha rede de vixilancia á vangarda dascidades do país do mesmo tamaño, cunha densidade de puntos de medida moi por riba das grandes urbes de España, o que será de utilidade para o seguimento da evolución da contorna protexida desde o punto de vista das emisións contaminantes.
A renovación e instalación de dispositivos de control de calidade do aire enmárcase dentro da estratexia establecida por Inés Rey de mellora da calidade ambiental da cidade, unha estratexia da que forman parte as novas zonas peonís e ampliación de áreas verdes que o executivo local está a levar a cabo en distintos puntos da Coruña e que proseguirá nos vindeiros meses.