Thursday 21 de November de 2024

A Xunta inicia este luns novos traballos de limpeza nas marxes da estrada AC-552 ao seu paso polos concellos de Couña, de Arteixo, da Laracha e de Carballo


― Continuarase cos traballos en execución nas estradas autonómicas AC-234 e AC-840, nos municipios de Arzúa e de Melide, respectivamente

― Proseguirán tamén as tarefas na estrada LU-540, no municipio lucense de Viveiro, e na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada

― Na provincia de Ourense seguiranse con estas intervencións na OU-113, nos municipios de Verín e de Laza

― Unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan cada semana para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das vías autonómicas

― Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia

A Xunta iniciará nesta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes da estrada autonómica AC-552, ao seu paso polos concellos da Coruña, de Arteixo, da Laracha e de Carballo.

En paralelo ao inicio este luns desas novas actuacións nesta vía, proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar nas estradas autonómicas da provincia AC-234 e AC-840, nos municipios de Arzúa e Melide, respectivamente.

Na provincia de Lugo proseguirase cos traballos que se están a desenvolver na LU-540, ao seu paso por Viveiro, e na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada.

Na provincia de Ourense seguirase coan estas intervencións na estrada OU-113, nos municipios de Verín e de Laza.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.
O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas da súa titularidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes labores, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.
Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.